Lores: “Que sexamos a cidade máis buscada en Booking quere dicir que Pontevedra está de moda”
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores amosou a súa satisfacción porque en Booking, o buscador de aloxamentos turísticos, Pontevedra sexa a cidade do Estado con maior número de búsquedas, por riba de Madrid ou Barcelona.
“Iso quere dicir que Pontevedra está de moda, que Pontevedra é atractiva, pero é atractiva por moitísimas cousas, sobre todo pola xente, pola súa capacidade de acollemento, pola súa comodidade, polo seu respecto ao medio ambiente, pola gastronomía, e porque está, ademais, nun espazo que son as Rías Baixas, que eu sempre dixen que era o Caribe de Galicia, cunhas temperaturas moi agradables, con todo o lado”, dixo Lores.
Recoñeceu que este ano “xa notei eu, por parte dos hoteleiros, que realmente comentaban que estaba aumentando o número de pernoctacións e o tempo das pernoctacións, e que se estaba utilizando Pontevedra como sede para logo conocer o resto de Galicia”. Afirmou que era unha tendencia que non lle tiñan comentado antes.
“E iso é unha alegria. Eu quero tamén felicitar a todos que teñen que ver con iso: a xente que recibe aos turistas e aos visitantes e que fai que a xente queira volver, porque é unha cidade moi agradable donde os cidadáns somos acolledores”.