20-29 DE XUÑO
O Campionato Mundial Multisport Pontevedra 2025, quilómetro 0 dun verán cheo de vida
O balcón principal da Casa Consistorial permanecerá estes dous meses personalizado cos símbolos máis significativos da campaña, acompañados dunha silueta do loro Ravachol, a obra do ilustrador pontevedrés David Campos, que leva anos acompañando a proba deportiva e servíndolle de soporte gráfico.
“Só o Mundial Multisport traerá, durante nove días, entre tres e catro mil deportistas procedentes de máis de 50 países, acompañados doutras tantas persoas e poñerán toda a súa enerxía tanto na competición coma na vida urbana: nas compras, os xantares, a hostelería… e non só de Pontevedra, senón de todas as Rías Baixas”, dixo Fernández Lores.
Lores agradeceu a súa implicación ao persoal municipal, ao persoal das Federacións e resto das persoas que traballan directamente no evento, sen esquecer á gran cantidade de voluntarios e voluntarias que se están incorporando á organización, tanto a nivel individual coma de entidades veciñais, sociais ou deportivas.
Lembrou tamén que aínda hai sitio para “quen queira sumarse como voluntario ou voluntaria”, xa que o Mundial implica 9 días de carreiras, unha loxística complexísima que require da forza de todas e todos.
Fixo tamén referencia á festa musical que se está programando e que se presentará en breve, “na que contaremos cunha clausura moi especial: O “Capitán” Javi Gómez Noya, o noso embaixador, estará non só a carón das carreiras, senón tamén enriba do escenario, protagonizando unha celebración colectiva que non esqueceremos”.