PONTEVEDRA SOLIDARÍZASE CUN PAÍS VÍTIMA DE LIMPEZA ÉTNICA

Palestina, nación convidada no Salón do Libro 2026

Demetrio Gómez e Irene Martínez na presentación de Palestina como país convidado
Demetrio Gómez e Irene Martínez na presentación de Palestina como país convidado
Palestina, nación convidada no Salón do Libro 2026

O edil de cultura Demetrio Gómez anunciou a escolla de Palestina como país convidado “desta lingua árabe que falan máis de 500 millóns de persoas no mundo, cunha literatura riquísima con máis de 1000 anos de antigüidade e por suposto, un pobo como pode ser a nación Palestina que está sufrindo un auténtico xenocido. Con este pobo e especialmente a súa cativada, ten que ir a solidariedade do Salón”.

A primeira entidade, que manifestou a súa colaboración a través da intervención en videochamada da súa responsable de comunicación Irene Martínez, será a UNRWA (a axencia da ONU para os refuxiados e refuxiadas de Palestina)

O tema seleccionado para XXVII edición do proxecto de fomento da lectura, será a música.

A organización do Salón quixo avanzar xa estes datos básicos para facilitar o traballo e a organización do profesorado dos numerosos centros de ensino que particicipan cada ano .

O edil comentaba que a premura na comunicación desta información ven dada pola elevada participación de centros de ensino cada ano no evento: “temos que facelo con tanta antelación porque a participación dos centros de infantil, primaria e secundaria é prácticamente total, e o profesorado precisa traballar con tempo para adaptar as súas programacións de cara ao curso que vén. Teñen moito que pensar e moito que traballar e por iso queremos darlle os datos básicos para que poidan facelo e facelo tan ben como fan sempre”.

Por iso o Salón do Libro do ano que vén vai ser entre o 6 e o 22 de marzo, un pouco despois do Entroido e antes de Semana Santa. O tema escollido vai ser a música, que polo que levamos falado co profesorado, é un tema que vai dar moitísimo xogo e ademáis en Pontevedra e Galiza ten moitas posibilidades parar ser traballado.

Quédanos o país convidado ao Salón. Sempre buscamos unha lingua, unha literatura, unha cultura da que poidamos aprender e neste caso a cultura en lingua árabe que falan máis de 500 millóns de persoas no mundo, cunha literatura riquísima con máis de 1000 anos de antigüidade e por suposto, un pobo como pode ser a nación Palestina que está sufrindo un auténtico xenocido por parte do Estado de Israel e por iso queremos que Palestina sexa este ano o país convidado. Vainos permitir non só como en outros anos traballar na cultura, na lingua ou na literatura como se fai entre países normais. Pero Palestina non é un país normal, Palestina leva máis de 80 anos invadido polo Estado de Israel, sufrindo políticas de exterminio e de xenocidio que na faixa de Gaza no último ano e medio, estanse vendo absolutamente incrementadas e por iso pensamos que a solidariedade do Salón ten que ir con este pobo.

E neste pobo queremos mirar especialmente ás crianzas, aos pequenos, porque hai algúns datos terribeis que non podemos esquecer: no último ano e medio van máis de 50.000 persoas asesinadas só na faixa de Gaza, se contar Cisjordiania ou os ataques ao Líbano. Desas máis de 50.000 persoas, un tercio son nenas e nenos menores de 13 anos, o que quere dicir que nun territorio pouco máis que a ría de Pontevedra, asasínanse máis de 30 nenos e nenas cada día.  Diso é do que falamos e ao que chamamos guerra xenocida. E con ese pobo é con que queremos ser solidarias e solidarios no próximo Salón do Libro. Porque falamos de nenos e nenas que pasan fame todos os días, que non teñen medicamentos, que non teñen brinquedos e que non teñen material escolar para o máis mínimo. Para nós é un orgullo presentar a primeira entidade colaboradora do Salón do Libro 2026 que non é outra que a UNRWA, Axencia da ONU para os refuxiados e refuxiadas de Palestina.

“Escollemos esta entidade porque elas e eles están sobre o terreo en Palestina e na faixa de Gaza. Ocúpanse da atención sanitaria aos nenos e nenas, consiguen que nesta situación que están a vivir miles de nenos e nenas e nenas sigan indo a escola. Con todos eles vai a solidariedade do Salón”, manifestou o edil.

A responsable de comunicación da UNRWA no estado español, Irene Martínez, quixo agradecer ao Concello de Pontevedra a iniciativa dada a gravísima situación que está a vivir o pobo Palestino: “gustaríame falar da situación en Gaza e da importancia da educación neste proxecto. Tal e como comentou o concelleiro as cifras son terribles, é un dos xenocidios máis letais desde comezos de século con máis de 50.000 persoas asasinadas, moitos nenos e nenas. Atacan hospitais, refuxios, edificios da ONU, persoal humanitario entre eles máis de 290 compañeiros e compañeiras de UNRWA asasinados. 

Hai ademáis moitas persoas que sobreviviron pero perderon todo: fogares, familia, amigos. As persoas, o que transmiten aos nosos compañeiros é terror. A poboación está cada vez recluída nun territorio máis pequeño, sen posibilidade de fuxir e baixo bombardeos constantes.

Non se trata só de bombardeos, xa que desde o 2 de marzo Israel bloqueou o acceso de subministros e axuda á faixa de Gaza. Ninguén ten comida e é o momento máximo de desnutrición infantil. A xente loita a diario para atopar o máis básico para poder sobrevivir.

Neste contexto UNRWA sigue o seu traballo dentro, con máis de 12.000 compañeiros e compañeiras están dentro da faixa de Gaza proporcionando servizos sanitarios, atendendo refuxios, ata agora proporcionando os alimentos que quedaban nos nosos almacéns que están prácticamente esgotados e tamén facilitando apoio psicosocial e educación.

Como podedes imaxinar neste contexto que viven máis de un millón de nenos e nenas en Gaza, a educación é fundamental. E o seu maior desexo, regresar as escolas. A maior parte das escolas foron destruídas ou están a ser empregadas como refuxios e case 660.000 nenos e nenas foron privados do seu dereito á educación. Perderon prácticamente dous cursos escolares e hai un risco enorme de perder unha xeración enteira. Cando falamos con eles din que queren regresar ás escolas, que non quere vivir nelas, que queren ir para aprender e ter un futuro”.

Palestina, nación convidada no Salón do Libro 2026