Caldas dota ao campo de fútbol municipal das Corticeiras dunha iluminación máis eficiente, potente e uniforme

Caldas dota ao campo de fútbol municipal das Corticeiras dunha iluminación máis eficiente, potente e uniforme

O Concello de Caldas está a acometer as obras de mellora no campo de fútbol das Corticeiras: o equipamento deportivo municipal conta xa cunha nova iluminación máis potente e uniforme sobre o terreo de xogo mentres sigue avanzando a obra para contar con gradas totalmente cubertas tanto na parte superior, como tamén pola parte traseira para garantir unha protección total do público fronte ao vento e a chuvia. 

O tenente de alcalde e responsable de Deportes Manuel Fariña destaca que a execución destes traballos supón un gran paso adiante cara a mellora integral do campo, no que se prevén máis actuación a medio prazo. “As Corticeiras é utilizado a diario por centos de deportistas e acude numeroso público. O noso obxectivo é conseguir a máxima calidade e confort nas instalacións, algo que está a facerse realidade. Tiñamos unha demanda por parte de quen utiliza a diario as instalacións e en tan só medio ano conseguimos facer o proxecto e as obras”, salienta o nacionalista. 

Lembra Fariña que ata o de agora as bancadas contaban unicamente cunha cuberta superior e estaban abertas pola súa banda traseira e polos seus laterais, circunstancia que facía que en días chuviosos con refachos de vento, a choiva afectase á zona da bancada, facendo que parte da mesma non se puidese utilizar. Así mesmo, o terreo de xogo contaba unicamente cun sistema de iluminación consistente en catro torres de iluminación de 15 metros de altura, cada unha delas equipada con proxectores de 407W, sendo necesaria unha mellora debido ás queixas das persoas usuarias tanto pola insuficiencia de iluminación como pola falta de uniformidade. 

As obras foron executadas durante os últimos meses, segundo sinala Fariña, para colocar unha fachada ventilada con paneis e uns perfís metálicos tubulares para soportalos, creando unha ‘fachada ventilada’, así como unhas placas translúcidas para permitir a iluminación superior do espazo na parte superior da bancada. 

En canto á mellora do sistema de iluminación do terreo de xogo, instaláronse oito proxectores a maiores nas catro torres existentes, co fin de aumentar a intensidade da iluminación e a súa uniformidade, reorientándoos e axustándoos segundo a nova configuración para que toda a superficie do terreo de xogo teña un nivel de iluminación excelente grazas a luminarias led que, ademais, contribuirán a un maior aforro enerxético. 

Para realizar esta actuación Manuel Fariña explica que o Concello de Caldas contou cunha subvención provincial do Plan de Infraestruturas deportivas que alcanzou os 68.056 euros. 

Apunta o responsable nacionalista que a esta mellora nas instalacións deportivas municipais súmanse a que está en marcha na Tafona, coa instalación dunha pista multideporte para uso libre, así como unha reforma no pavillón, para dotalo de vestiarios modernos e salas polivalentes, o que permitirá organizar novas actividades deportivas para a veciñanza. 

Caldas dota ao campo de fútbol municipal das Corticeiras dunha iluminación máis eficiente, potente e uniforme