BNG e PSOE chegan a acordo para aprobar os orzamentos municipais de Pontevedra para o 2025
BNG e PSOE veñen de chegar a un acordo de cara a aprobación dos orzamentos municipais para o ano 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu acompañado do voceiro do Partido Socialista en Pontevedra, Iván Puentes, para dar conta dos compromisos logrados entre ambas as dúas partes.
O rexedor explicou que a sinatura deste acordo permite a aprobación do orzamento máis alto da historia do municipio pontevedrés, que chega até os 98.632.000 euros. “Quero agradecer a disposición e compromiso do grupo municipal do PSOE para aprobar este orzamento, así como as súas aportacións e achegas á hora de enriquecelo”, sinalou.
“Estamos a falar dun orzamento de futuro, que nos vai permitir adiantarnos aos retos que están por chegar ao longo dos vindeiros anos. En Pontevedra préstanos adiantarnos ao futuro e ser pioneiros en diversas cuestións”, comentou, ao tempo que definiu as chaves ou eixos fundamentais nos que se configura o orzamento, a saber:
- Adaptación e loita contra o cambio climático
- Mellora da calidade de vida de toda a veciñanza de Pontevedra
- Promoción e proxección da cidade
- Continuidade ao mantemento e o sostemento dos espazos públicos e dos equipamentos municipais
Respecto ao primeiro eixo, o alcalde quixo destacar a cuestión do tratamento dos residuos municipais a través do contrato que está a licitación ou a ordenanza de residuos xa aprobada; ademais da renaturalización do río Gafos, continuidade na renovación do alumeado público e nos proxectos relacionados coas zonas de baixas emisións; entre outros.
No referido á mellora da calidade de vida da veciñanza, o rexedor lembrou a creación do Parque da Parda, ao tempo que confirmou a reurbanización e mellora dos servizos soterrados nas rúas Casimiro Gómez, Luís Seoane e Pasantería; xunto cos proxectos de Mollavao e Rosalía de Castro, e a creación de novos parques urbanos.
Poñendo o foco na promoción e proxección da cidade, sitúanse os Premios Feroz, o campionato do mundo de triatlón Multisport, así como os centos de actividades culturais e festivas previstas (concertos, mostras, Ano Castelao, actividades de rúa...).
Fernández Lores rematou a súa intervención agradecéndolle de novo ao voceiro do PSdG o compromiso do seu grupo á hora de sacar adiante uns novos orzamentos, uns orzamentos con futuro e para o futuro.