Caldas celebra en abril o seu ‘I Mes do Deporte’ con máis dunha ducia de actividades para todos os públicos
Caldas, 22 de marzo de 2024. O mes de abril vai ser o ‘Mes do Deporte’ en Caldas. O departamento municipal de Deportes dirixido polo tenente de alcalde Manuel Fariña vén de pechar un programa con máis dunha ducia de actividades dirixidas a todos os segmentos de poboación: crianzas, mocidade, persoas adultas e maiores, incluído deporte inclusivo e familiar.
Esta iniciativa, organizada polo Concello coa colaboración do Clube ‘No Phi’, será todos os sábados ás seis da tarde con obradoiros e probas, entre elas Orientación, Gymbody, Taekwondo, Pilates, Muay Thai, Trail ou Ioga, que se desenvolverán nas Palmeiras. As persoas interesadas deben inscribirse previamente (ata o 31 de marzo) no Concello ou nas webs habilitadas no caso das carreiras.
O primeiro sábado 6 de abril terá lugar a xa coñecida carreira de orientación de bosque polos montes de Santa María (en colaboración con Xesta natureza) na que poden participar de maneira individual ou en grupo persoas de todas as idades segundo a súa capacidade técnica e idade. Tamén haberá (18h) Gymbody, con exercicios para tonificar glúteos, abdomen e perna, así como Taekwondo.
O seguinte sábado 13 de abril será a quenda para as clases de Pilates, mentres que o 20 será o momento dos movementos de Muay Thai e Taekwondo. O domingo 21 inclúese o campionato Trail Running (máis información en carreirasgalegas.com) e o sábado 27 haberá Ioga.
De maneira paralela ás actividades para persoas adultas celebraranse tamén obradoiros infantís e de psicomotricidade para nenas e nenos co fin de que mentres pais e nais participan, as crianzas tamén farán a súa parte deportiva adaptándose ao seu nivel.
Impulsar a práctica deportiva e a vida saudábel
Segundo explica Manuel Fariña, o proxecto do ‘Mes do Deporte’, nace co obxectivo de impulsar a práctica deportiva e o exercicio físico como forma de promover un modo de vida saudábel entre a poboación caldense. Destaca o interese do Concello por fomentar o deporte e os hábitos creando un ambiente motivador para que todos e todas poidan gozar e experimentar a emoción e os beneficios do deporte, polo que augura que a iniciativa se manterá en vindeiros exercicios.
“É unha oportunidade excelente para que as persoas residentes se mergullen na diversidade de disciplinas deportivas e descubran a súa paixón polo movemento e o deporte”, subliña o nacionalista, aclarando que as actividades serán aptas para persoas non necesariamente habituadas á práctica de exercicio.
Pola súa banda Lúa Piñeiro, de ‘No Phi’, destacou que cando no clube souberon da intención do Concello de levar adiante un proxecto deportivo deste tipo “non dubidamos”. “Como clube deporti- vo temos claro que o noso obxectivo é crear unha cultura do deporte e de saúde na nosa vila”, su- bliñou, asegurando tamén que á par á súa actividade individual, como entrenadora “sinto que teño unha débeda con Caldas polo apoio que sempre me mostrou, e esta é unha boa maneira de devolver un anaquiño de todo ese apoio”.
“Agardemos que a xente o tome da mesma maneira que nós e sexa participativa e que lle gusten to- das actividades”, apuntou, asegurando que non vai haber escusas porque haberá programación tanto para xente adulta como actividades lúdicas e deportivas para as e os máis pequenos.