O BNG pide a dimisión ou cese do Xefe Territorial de Educación de Pontevedra por lanzar insultos e fomentar condutas de odio nun acto con escolares de Soutomaior
O BNG quere expresar a súa absoluta repulsa polas manifestacións feitas no día de onte polo Xefe Territorial de Educación en Pontevedra, Sr. Pérez Ares, nunha charla sobre o Parlamento Galego organizado por esta Institución, así como pola Asociación de Ex-Parlamentarios nun centro educativo en Soutomaior.
“Non é tolerable que dende o goberno do PP consintan que esta persoa do seu partido e que ostenta un cargo relevante da Consellería de Educación na provincia, utilice a súa intervención no acto, diante de escolares da ESO e Bacharelato, para lanzar insultos e exclamacións ultras que fomentan conductas de odio como comparar ao Goberno do Estado co réxime nazi, ademáis doutras expresións e descualificacións persoais”, afirmou a deputada do BNG, Cristina Fernández.
Esperamos que César Pérez Ares presente a súa dimisión de xeito inmediato e de non ser así que o Presidente en funcións da Xunta, o Sr. Rueda debe esixirllo, non só pola gravidade das súas palabras senón polo foro no que se fixeron as afirmacións, diante do estudantado.
“No caso de que non sexa cesado, o BNG rexistrará iniciativas no parlamento pedindo a súa reprobación pola cámara tendo en conta que interviña nun acto representando o parlamento e a asociación de exparlamentarios”, concluíu a deputada nacionalista, Cristina Fernández.