Soutomaior cumpre máis de 500 días sen pediatra no centro de saúde de Arcade
Soutomaior, 22 de marzo de 2024. Soutomaior cumpre máis de 500 días sen pediatra no centro de saúde de Arcade. A situación remóntase a novembro de 2022 cando a facultativa que ocupaba o posto de pediatría nese momento tivo que pedir unha baixa e a Xunta decidiu non cubrila, deixando a case 1.000 nenos e nenas sen atención pediátrica. Neste ano e medio, a Xunta obviou as numerosas queixas da veciñanza do noso concello e as peticións do BNG para buscar unha solución a esta situación. No canto, o Goberno galego optou por poñer parches a este problema, pero que en ningún caso supoñen unha solución real.
A falta de pediatras durante todo este ano fixo que os períodos de agarda fosen de varias semanas, o que obrigou a moitos pais e nais a levar aos seus fillos a Pontevedra para que puidesen ser atendidos. Ademais dos evidentes problemas de conciliación que isto supón para moitas familias de Soutomaior, a escaseza xeneralizada de facultativos e facultativas no conxunto da comarca provocan o colapso dos centros de urxencias, ao ter que atender casos que deberían pasar previamente pola Atención Primaria.
A concelleira de Sanidade, Rosana Martínez, sinalou que “é fundamental para o noso concello contar cun servizo de pediatría que garanta a atención a todos os nenas de Soutomaior. As e os pediatras non só atenden as crianzas cando xa están enfermas, senón que o seu traballo tamén incide na prevención de doenzas antes de que estas se produzan. Por iso é fundamental que o noso concello conte cun servizo de pediatría co persoal e recursos necesarios, que eviten que as familias teñan que desprazarse a urxencias a Pontevedra ou agardar varias semanas para ter unha cita”.
Pola súa parte, o responsable local do BNG, José Costas, sinalou que “a Xunta non pode seguir poñendo parches a esta situación mentres quen máis o necesita, os nenos e nenas de Soutomaior seguen sen ser atendidos por un pediatra. Nas vindeiras semanas o BNG desenvolverá varias iniciativas nas rúas, no Concello e no Parlamento para esixir solucións á Xunta, que leva demasiado tempo obviando á veciñanza de Soutomaior”, concluíu José Costas.