A liquidación do orzamento avala a boa xestión económica do goberno municipal de Soutomaior
Soutomaior, 22 de marzo de 2024. O Concello de Soutomaior celebrou o pleno ordinario onde se deu conta da liquidación orzamentaria. Unhas contas que tal, a pesar de cando o BNG accedeu ao goberno de Soutomaior xa había gastado máis de medio millón de euros a máis do que había orzamentado para todo o ano, as políticas de eliminación de gasto superfluo, contención do gasto e deseño de investimentos estratéxicos permitiu presentar unha liquidación despois de 9 meses de goberno na que se contempla un remanente de tesourería de 1 millón 719 mil euros.
No que ten que ver coa ratio de liquidación, hai datos que avalan a boa xestión económica do Goberno de Soutomaior: estase a producir un incremento importante do gasto por habitante ao tempo que reducíu un 0,17% os gastos correntes. Neste sentido Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, sinalou que “Soutomaior tiña uns gastos correntes moi elevados o que dificultaba a dispoñibilidade de crédito para necesitades do concello”. Lourenzo continuou afirmando que “o novo Goberno Local iniciou xa camiño de redución do gasto corrente ao tempo que estamos a facer un maior esforzo inversor que se incrementou nestes meses nun 0.33%”.
Con estas cifras sobre a mesa Manu Lourenzo ten claro que “estes datos desmontan algunhas das afirmacións que viña facendo a oposición do Partido Popular e referendan unha política económica do Goberno de Soutomaior que reduce gastos innecesarios, adica máis diñeiro aos investimentos e aposta por dotar ao concello de máis servizos e de mellores condicións para os seus traballadores e traballadoras.”.