O Ben Veñas Maio volverá premiar e deixar constancia do talento e a creatividade do alumnado pontevedrés
O edil de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, presentou, acompañada pola profesora do IES Luís Seoane María Xosé Dourado, a nova edición de “Ben veñas Maio”, unha das actividades culturais e educacionais máis lonxevas da idade que busca o uso e impulso da lingua galega entre a mocidade.
Trátase dun certame organizado polos distintos equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino secundario de Pontevedra e que chega xa á súa 31a edición tentando fomentar a creatividade e a creación artística entre o alumnado do noso concello. “Está claro que 31 anos non son poucos para un proxecto, son moitísimos, por iso sempre cómpre parabenizar aos distintos equipos e profesorado de lingua galega polo seu labor á hora de mantelo e facelo chegar até aquí”, afirmou Demetrio Gómez.
Está aberto o prazo para a recepción de traballos nas distintas categorías (música, vídeos de Tik Tok e reels de Instagram, curtametraxes, fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía), prazo que rematará o 12 de abril. O Concello de Pontevedra ofrecerá até 3.750 euros en total en premios, que se entregarán durante o clásico certame musical no Teatro Principal, o vindeiro 12 de maio. Como novidade, este ano realizarase un obradoiro de formación para o alumnado que colabore na mesma organización da gala.
No imaxinario popular da cidade, Ben Veñas Maio é unha das actividades de Normalización Lingüística máis exitosas da cidade, ao pasaren centos de participantes polos seus distintos certames durante estas tres décadas.
Pola súa banda, a profesora Dourado quixo agradecer o traballo de todos os centros de ensino á hora de motivar a participación do seu alumnado nos diferentes certames e modalidades de concurso.