MÁIS DE 24.000 PERSOAS GOZARON DAS ACTIVIDADES PROGRAMADAS
Éxito absoluto da XXV edición do Salón do Libro
De éxito rotundo pódese avaliar a edición 25 do Salón de libro, adicado á máxia e con Cataluña como país convidado, polo que pasaron máis de 24.000 persoas.
Unha edición “difícil de xestionar”, en palabras do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, porque este ano cadraba moi pegada ao inicio do ano, coas dificultades de contratación que iso entraña, porque había moitas colaboradoras e moita xente participando e porque a situación orzamentaria do concello, cos orzamentos aínda sen aprobar, complicaba moito a xestión interna do Salón.
A pesar de todas estas dificuldades, a XXV edición foi un éxito rotundo de público. Por el pasaron máis de 4000 alunos e alunas dos centros colaboradores -aqueles que traballan o proxecto do Salón, fan traballos e participan nos clubes de lectura-, 17 centros non colaboradores, así como actividades concertadas co alumnado universitario de Ciencias da Educación dos campus de Compostela, Ourense e Pontevedra, e con entidades como Amencer-Aspace, Cruz Vermella, Secretariado Xitano ou o Centro Ocupacional Méndez Núñez.
O concelleiro concluíu que “nun ano de máxima dificultade de xestión do Salón, de máxima complexidade, agravada pola cuestión orzamentaria coa que non contábamos previamente, acadamos unha participación récord, elevadísima. Con estes datos enriba da mesa a valoración ten que ser positiva, á espera da avaliación que fagan os propios centros de ensino”.
O concelleiro agradeceu a todas as persoas que fan posíbel o o Salón polo seu traballo, porque, nas súas palabras, “fanno moi, moi ben”.