ENTRARÁN EN VIGO UNHA VEZ PUBLICADOS NO BOP
Lores asina do Decreto polo que quedan aprobados definitivamente os orzamentos de 2024
Pontevedra, 22 de marzo de 2004. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou o xoves 21 o decreto da Alcaldía que permitirá a aprobación definitiva dos orzamentos municipais, que será efectiva aunha vez publicado no BOP. Desde ese momento, o Concello de Pontevedra poderá facer uso do mesmo e comezar a operar con normalidade. Cómpre lembrar que os orzamentos do 2024 ascenden a 94 millóns de euros.
“Esta é unha excelente noticia para o Concello e especialmente para todos os cidadáns e cidadás que obviamente sufriron os atrancos durante estes tres meses”, indicou Lores, xa que se trata duns orzamentos excepcionais e son imprescindíbeis para que Pontevedra continúe avanzando.
Pola súa banda, o edil responsábel de Economía e Facenda, Raimundo González, lembrou que se ben o Concello iniciará unha nova etapa con estes orzamentos, “axilizará o máximo posíbel todos os expedientes pendentes ou atrancados, mais hai moitísimos, o cambio non se producirá dun día para outro. Necesitaremos un chisco de tempo para facer operativo este orzamento”.
Neste sentido, o alcalde quixo agradecerlles a todos os servizos municipais o traballo excepcional que tiveron que facer para aprobar estes orzamentos.
Doutra banda, o rexedor sinalou que non foi recibida ningunha alegación taxada durante o período de exposición pública que faga necesario levala a pleno. As distintas alegacións que se presentaron foron rexeitadas por parte dos servizos técnicos municipais, polo que queda permitida a aprobación. Porén, Fernández Lores dará conta no pleno da sinatura deste decreto, se ben o proxecto dos orzamentos xa non volverá ser debatido ou votado pola corporación municipal.