O BNG vota en contra da suba de taxas do lixo e saneamento en Cerdedo-Cotobade
O BNG votou en contra da suba de taxas municipais que afectan ao servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos e a taxa de saneamento, no pleno do concello de Cerdedo-Cotobade. Unha suba desproporcionada máxime nunha etapa onde a inflacción golpea con dureza ás economías familiares.
Así, no que respecta aos residuos sólidos, a recollida para as vivendas sube un 22%, para hoteis de menos de 15 cuartos, un 84%, para bares, supermercados e pequenos negocios un 69%, para gasolineiras, talleres e industria de menos de 6 traballadores, un 25% e para os restaurantes con aforo superior aos 50 comensais dun 207%.
Ernesto Filgueira: “Moito predicar baixada de taxas e impostos, pero cando chega a hora da verdade, o PP sempre os suben”
No que respeita ao servizo de sumidoiros, saneamento e depuración de augas residuais pásase de 0 a 60 euros para as vivendas con enganche á rede de saneamento público. No que respeita a este servizo non parece congruente que un comercio (unha tenda cunha persoa, por exemplo) teña unha taxa de 80 euros mentres un bar ou unha cafetería, cun uso evidentemente moito maior dos baños, teña unha taxa de 12 euros.
“No BNG entendemos que os servizos hai que pagalos, pero unha suba tan desmesurada non é para nada axeitada, máxime nun contexto de suba desmedida do custe da vida. Non deixa de ser curioso -afirma Ernesto Filgueira- que o PP, que tanto predica a baixada de taxas e impostos, cando chega a hora de gobernar fai xusto todo o contrario, e as sube dunha forma desproporcionada”.