Pontón: “O acordo que conseguiu o BNG pon a Pontevedra na axenda do Estado e mellora a vida dos seus cidadáns”
Pontevedra, 10 de novembro de 2023. Ana Pontón asegurou hoxe que “o acordo que conseguiu o BNG pon a Pontevedra na axenda do Estado e mellora a vida dos seus cidadáns”, para os que serve a “política útil” que practica a forza nacionalista. “Galiza gaña e Pontevedra gaña”, subliñou durante a presentación na cidade do acordo de investidura acadado polo Bloque.
Acompañada pola senadora Carme da Silva e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, Pontón destacou que, grazas ao traballo do BNG, Pontevedra vai contar con máis medios para loitar contra a violencia machista, pois o acordo inclúe a creación dun xulgado extraordinario na cidade. Pero tamén, engadiu, suporá melloras nas súas infraestruturas e mobilidade, xa que ademais dos novos descontos para os usuarios recorrentes da AP-9, recolle o compromiso de implantar o tren de proximidade antes de que remate a lexislatura polo menos nas áreas de Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol.
“É unha aposta polo transporte do futuro” e “un paso histórico” na modernización do ferrocarril, asegurou Pontón, que lembrou que Galiza é na actualidade a única comunidade, xunto a Estremadura, que non ten tren de proximidade. Esta é unha maneira eficaz de defender a igualdade do País con outros territorios, agregou.
Ana Pontón: "Grazas á política útil do BNG a cidade terá máis medios para loitar contra a violencia de xénero e avanzará en infraestruturas e mobilidade, co compromiso de ter tren de proximidade antes de que remate a lexislatura"
Destacou, por outra banda, o “impacto” que o acordo terá para mellorar a vida dos cidadáns, pois ademais da actualización das pensións conforme ao IPC vanse incrementar as baixas, coa repercusión que iso terá para Galiza, que ten as pensións máis baixas do Estado e cun gran peso das non contributivas.
A portavoz nacional referiuse tamén á importancia “máis simbólica” que ten para Pontevedra a declaración de recoñecemento e reparación, incluída no acordo, en relación co consello de guerra e condena a morte a Alexandre Bóveda, anulado pola Lei de Memoria Democrática. “É unha medida de xustiza e dignidade colectiva”, apuntou.
Fronte á política útil do BNG para que Galiza avance e para mellorar a vida da xente, Pontón situou a “incapacidade de Alfonso Rueda para defender os intereses dos galegos e as galegas ante o Estado”, un presidente da Xunta que “está enfadado porque hai un bo acordo para Galiza que é unha mala noticia para o PP”, asegurou. “Rueda claramente está fora de xogo con este acordo” porque, considerou, “calquera presidente se alegraría de que haxa boas noticias para o seu País, negocie quen as negocie”.
É por iso que lle volveu reclamar que “se non é capaz de axudar, polo menos que non entorpeza e non poña paus nas rodas”.
Miguel Anxo Fdez. Lores: “Pontevedra avanzou cando o BNG tivo representación en Madrid e defendeu os intereses de Pontevedra”
Na mesma liña, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recordou que “nas últimas décadas, cando o BNG tivo representación nas forzas do Estado as demandas do Concello de Pontevedra experimentaron un avance”. Exemplificouno no convenio do Nó do Pino, na construción da avenida Josefina Arruti, na urbanización da Avd de Vigo ou da estrada de Ourense, nas cesións das plataformas sobre a vía do ferrocarril ou a ponte de acceso de Tafisa a Monte Porreiro, o Paseo de Marín ou a circunvalación (A-57). “Pontevedra avanzou cando o BNG tivo representación en Madrid e defendeu os intereses de Pontevedra”, concluíu o alcalde.
A senadora do BNG, Carme da Silva, membro do equipo negociador do BNG co PSOE, á que Pontón se referíu como unha das "muñidoras" do pacto acadado, engadiu a aqueles exemplos “a remodelación do nó de bombeiros que se paralizou en 2015 cando o BNG perdeu representación en Madrid”, e logo o introduce no acordo de investidura dos últimos catro anos. “Agora está adxudicado”, dixo.
Carme da Silva explicou que “o acordo de investidura impulsa proxectos moi importantes para Pontevedra e a súa comarca”. Fixo referencia ao paquete relativo á mellora da seguranza viaria en todas as infraestruturas que teñen que ver con Pontevedra. Entran nel todas as vías de alta capacidade, así como as estradas nacionais N-550, N-541 e PO-11, co compromiso de “eliminar tramos de concentración de accidentes”.
Carme da Silva: "O acordo recupera o paseo a Marín, que o goberno do Estado decidira non facer"
Tamén relatou a importancia do acordo na modernización da rede ferroviaria, especialmente, o servizo de cercanías Pontevedra-Vigo que é “unha reivindicación histórica que haxa servizo de proximidade. Hai o compromiso de facer os estudos necesarios e nesta lexislatura poñer en marcha o servizo de cercanías”, aclarou Carme da Silva. Tamén fixo referencia ao impulso do corredor atlántico e a saída sur de Vigo, fundamental para o tráfico de pasaxeiros e mercadorías, e para conectar con Portugal levando o mesmo ritmo que o goberno luso, “e rompe o centrismo de que todas as conexións ferroviarias con Madrid e o Mediterráneo teñen que ser prioridade”.
A rebaixa do 75% da peaxe da AP-9 e a conquista de que esas mesmas rebaixas se apliquen á AP-53, que permite conectar a comarca de Pontevedra co interior do país, foi outro destaque da senadora.
Finalmente, aseverou que “Pontevedra vai ter un xulgado exclusivo en violencia de xénero” e recoñeceu que durante a negociación “descubrimos que o último tramo do paseo a Marín non estaba pendente de licitación, estaba parado. Adoptouse a decisión de non executalo”. Polo tanto, o acordo do BNG pasa por reiniciar co ministerio a necesidade de que ese tramo se faga.
Carme da Silva asegurou que “a capacidade do BNG fará que pronto teñamos novas importantes doutros proxectos que non están nesta investidura”.