O BNG critica o “chapodazo” de 5.000.000 € para manter as estradas provinciais nos orzamentos da Deputación
Pontevedra, 10 de novembro de 2023. O BNG votou hoxe na Deputación en contra dos orzamentos do PP para o vindeiro 2024 por consideralos claramente regresivos e, na realidade, ser contrarios aos beneficios que anuncia o novo Goberno para a provincia. En concreto, o portavoz César Mosquera, subliñou que “clama ao ceo” o “chapodazo” que o PP fai na área de Infraestruturas, retirando dos orzamentos cinco millóns de euros con respecto a 2023.
Para Mosquera, a atención e mellora das estradas provinciais é unha das poucas competencias que xustifican a existencia das deputacións, “é a xoia da coroa”, pero sen embargo sofre unha baixada do 90% dos fondos, pasando de 3 millóns de euros a apenas 400.000 para convenios, e eliminando todos os fondos destinados ao Plan Ágora de recuperación de espazos públicos. “Se mellorar as estradas provinciais non é unha prioridade non sei que é unha prioridade. Laminan 5 millóns de euros sen xustificación”, salientou.
Foi crítico coa forma de actuar do PP, así mesmo, porque segundo o nacionalista as decisións do novo goberno son contraditorias coas queixas e reivindicacións do grupo provincial no anterior mandato, cando presentaban mocións continuas en todos os plenos para a mellora de vías e actuacións de urbanizacións nos 1.700 quilómetros de estradas provinciais.
Mosquera destaca que as infraestruturas provinciais “son unha das poucas competencias que xustifican as deputacións” pero deixan de ser prioritarias para o actual goberno do PP
As contradicións do PP, segundo Mosquera, non rematan na área de Mobilidade, senón que tamén se estenden a outras como Igualdade, Memoria Histórica, residuos, o Museo ou a colaboración cos Concellos. Neste sentido destacou que cando no Pleno de toma de posesión se anunciou que á área de Igualdade se uniría a de Familia, pensouse nun aumento de orzamento que na realidade se tornou nunha significativa redución.
Apuntou tamén que este ano foi o primeiro no que o PP provincial asistiu aos actos en homenaxe a Alexandre Bóveda, dando a entender que a Memoria Histórica pasaría a ser unha prioridade, algo que tampouco se confirmou porque a redución de fondos case que elimina o departamento. En canto a residuos Mosquera amosou tamén a contradición do actual goberno, que repartirá fondos e material incluso cos concellos que non se comprometan a cumprir coa normativa cando incluso Louzán xa coñecía que iso non daba resultados.
“Cambian as cousas en meses, semanas, días... cada movemento seu é sorprendente”, insistiu, tamén lembrando que o último presidente do PP xa eliminara o chamado ‘Plan de Acción Caciquil’ dando cartos a asociacións, así como tamén se recupera a Bienal de Arte desaparecida.
Con relación aos investimentos, Mosquera puxo en evidencia a incorrección dos datos aportados polo voceiro do PP Jorge Cubela. Subliñou que os investimentos reais da Deputación, tal e como consta nos datos oficiais, baixan de 17 millóns a 13 millóns, cunha diferencia de 4 e non unha subida. Tamén fixo fincapé en que as transferencias a concellos, en lugar de subir como di o PP, baixan dos preto de 41 millóns en 2023 a uns 37. “Se baixando 4 millóns de euros os investimentos e as transferencias soben... Con argumentacións dese calibre o resto xa non o describimos”, sentenzou.
O portavoz do BNG tamén quixo poñer de relevo que o PP recoñeceu sen ambaxes que derivou ao o Plan + Provincia outros plans e axudas que estaban en áreas e departamentos diferentes ao de Cooperación. Aclarou, por tanto, que o Plan + Provincia non sube a súa contía con respecto ao Plan Concellos, senón que simplemente reúne todos os cartos que se eliminaron doutras actuacións.
Para finalizar, Mosquera criticou ao PP por non ter vontade de ter en conta as propostas da oposición ao dar apenas tres días para presentar emendas. “Poderían ser 50.000 –dixo-. Alá vostedes coa súa responsabilidade”.