O BNG solicita que a Xunta encargue un informe xurídico sobre as consecuencias do procedemento aberto pola Comisión Europea en relación coa concesión de ENCE e coas do complexo mar industria alimentario
Pontevedra, 24 de febreiro de 2023. O grupo parlamentar do BNG vén de presentar, por iniciativa do deputado pontevedrés Luís Bará, unha batería de iniciativas en relación co procedemento aberto pola Comisión Europea sobre as concesións en dominio público marítimo terrestre.
Logo de que a Xunta e o PP celebrasen a bombo e prato a información adiantada sobre o contido da sentenza do Tribunal Supremo, nos pasados días deuse a coñecer a apertura dun procedemento de infracción contra o Estado español pola falta de transparencia e concorrencia pública nos procedementos de autorizacións de concesións no dominio marítimo terrestre. O texto da comunicación fai referencia a concesións para restaurantes, empresas papeleiras ou químicas en espazos do dominio público marítimo terrestre sen levar a cabo procedementos abertos e transparentes.
Segundo o comunicado feito público pola Comisión Europea, a prórroga das concesións existentes por un período de até 75 anos sen xustificación “é contraria ás normas da Unión Europea”. Segundo esta comunicación, “A Comisión decidiu incoar un procedemento de infracción contra España por non garantir un procedemento de selección transparente e imparcial para a adxudicación de concesións relativas a zonas costeiras”. Segundo diversas fontes, podería darse unha vulneración da Directiva de Servizos da UE, pola duración excesiva das concesións e por non estar garantida a libre concorrencia. Neste sentido, a prórroga prevista na reforma da lei de Costas de 2013 constituiría unha renovación automática para o seu actual titular o que lle outorga unha vantaxe que é contraria ao espírito e á letra da Directiva.
Luís Bará: "Este procedemento pon en cuestión a prórroga concedida a ENCE e tamén pode ter relevancia para as concesións do complexo mar industria alimentario en dominio público marítimo terrestre"
A xuízo do portavoz parlamentar de medio ambiente do BNG, Luís Bará “este procedemento pon en cuestión a prórroga concedida de maneira irregular a ENCE e tamén pode ter relevancia para as concesións do complexo mar industria alimentario en dominio público marítimo terrestre, polo que cómpre unha análise das súas implicacións e consecuencias, deixando clara a diferenza entre as instalacións que teñen unha relación directa co mar e aquelas outras que poden ter outro emprazamento”.
Por este motivo, o BNG presentou unha batería de iniciativas no parlamento galego na que se demanda, entre outras cuestións, que a Xunta encargue ao sistema universitario galego un informe técnico xurídico sobre as posíbeis consecuencias da apertura dun procedemento de infracción contra o Estado español pola falta de transparencia e concorrencia pública nos procedementos de autorización de concesións no dominio marítimo terrestre, e a posíbel afección a concesións do complexo mar industria alimentario galego e a instalacións industriais como a de ENCE en Lourizán.