O BNG fai un chamamento a mobilizarse masivamente este domingo en defensa da sanidade pública
Pontevedra, 9 de febreiro de 2023. Acompañado polo responsábel local do BNG en Pontevedra, Demetrio Gómez, e pola traballadora da sanidade, Begoña Mallo, a deputada nacionalista, responsábel da área sanitaria, Montse Prado, fixo un chamamento á veciñanza da area sanitaria a que se sume ao clamor popular que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela este domingo, día 12, na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública, en defensa da atención primaria.
A deputada lembrou que desde que o PP chegou á Xunta o que fixo foi recortar en sanidade, especialmente en atención primaria. Os datos que deu son demoledores. A media de recorte desde o ano 2009 foron 200 euros anuais, o que supón un “recorte acumulado de 2339 millóns de euros só de manterse o orzamento de 2009, que, evidentemente, tería que ser ampliado debido ás crecentes necesidades”.
Estes recortes fan que Galiza estea “á cola do Estado en canto investimento en atención primaria, á cola en investimento por persoa en atención primaria, á cola no que se inviste nos profesionais da sanidade pública… e, evidentemente, con menos non se fai máis”, afirmou a deputada.
Alfombra vermella para a sanidade privada
Prado denunciou que en todos estes anos a Xunta non adoptou ningunha medida, “a pesar de que sabían o que ía pasar, sabían cantos profesionais tiñan e cantos ían xubilarse”, e se non tomaron medidas foi precisamente porque querían chegar a este momento, deteriorar a sanidade pública até extremos tales que obrigasen á xente a recorrer á privada. “Só así se pode entender que recortasen sistematicamente o orzamento d atención primaria, só así se pode entender que non formase profesionais suficientes, e só así se pode entender que permitisen que marchase para o estranxeiro moitísimo persoal sanitario, farto das malas condicións laborais existentes na Galiza”. Polo tanto -recalcou a deputada nacionalista- non é un problema só de ofertar prazas senón tamén das condicións laborais que se lle ofrecen ao persoal sanitario”.
Se a situación xeral da atención primaria é mala en todo o país, na área sanitaria Pontevedra-O Salnés é catastrófica: os PACs continúan sen o persoal médico suficiente, o que significa que non hai continuidade na atención; moitos PACs están sen persoal médico; pediatría segue baixo mínimos.
Esta situación ten consecuencias directas sobre a saúde das persoas. Neste sentido, vense de coñecer o último informe MoMo sobre o exceso de mortandade sobre a media, que indica que entre 2020 e 2022 no conxunto do Estado esta sobre-mortandade baixou dos 73.222 aos 33.900, mentres que nese mesmo periodo na Galiza incrementouse dos 1416 aos 3332. A deputada nacionalista istou ao PP a explicar estas cifras e perguntouse se non terán que ver coa situación da sanidade pública, con diagnoses, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas tardías”.
Resulta evidente que o deterioro da sanidade pública pon en risco a saúde dos galegos e galegas, e por iso Prado animou á cidadanía a defender este ben tan preciado que é a sanidade pública, acudindo masivamente este domingo, 12 de febreiro, á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública que sairá ás 12 da mañán da alameda de Santiago.