O BNG rexeita que a Deputación e a Xunta compren o Cine Fraga por ser “unha intromisión na política cultural de Vigo” e abrir a espita a operacións semellantes noutros concellos
César Mosquera insta ao goberno de Luís López a colaborar cos municipios en lugar de actuar como ‘Cabalo de Troya’ competindo e actuando en contra das decisións locais
Pontevedra, 27 de setembro de 2024. O BNG votou hoxe en contra da compra do Teatro Cine Fraga por parte da Deputación e a Xunta por considerar que é unha “intromisión na política cultural de Vigo” e tamén por “abrir a espita” para que a administración provincial realice operacións semellantes noutros concellos.
O voceiro César Mosquera xustificou o voto nacionalista argumentando que a compra do inmoble vigués a Abanca rompe “de maneira moi violenta” os criterios consolidados cos que actuaba ata o de agora o goberno da Deputación, non só nos dous últimos mandatos gobernados polo bipartito, senón tamén nos anteriores anos de goberno do Partido Popular.
Mosquera criticou tres aspectos principais da operación que son cuestionables. O primeiro, subliñou, é que a decisión de comprar o Cine Fraga anunciouse en campaña electoral por parte do candidato á presidencia da Xunta do PP, Alfonso Rueda. Isto supón que a Deputación está a “someterse absolutamente aos designios da Xunta”, ben non tendo unha política propia, ou no caso de tela, someténdoa ao goberno galego, quen será o propietario maioritario.
En segundo lugar, Mosquera subliñou que adquisición do cine estase a facer en contra do criterio do goberno local de Vigo, que defende que o inmoble se debe conseguir por medio dunha cesión de balde para a cidadanía. “A Deputación está a actuar como ‘Cabalo de Troya’ contra ou facendo competencia ao Concello de Vigo”, dixo o voceiro do BNG, quen salientou que o Partido Popular quere facer “unha emenda á totalidade da política cultural de Vigo” e corrixila “facendo unha política cultural paralela ao goberno local”. Insistiu en que a operación “é unha intromisión en toda regra (...) e unha total falta de respecto polo goberno que existe”.
Por último, o portavoz do BNG destacou que a adquisición do cine-teatro en Vigo por parte da Deputación e a Xunta en Vigo “abre unha espita que non se sabe onde vai rematar e as consecuencias que vai ter”, posibilitando operacións semellantes noutros concellos da provincia. Segundo Mosquera, coas argumentacións do Partido Popular de mellorar os servizos e as políticas culturais, “nada quita” que outros gobernos locais -“Cangas, Vilagarcía, Redondela, ou calquera outro”- queiran un pazo, un edificio ou outra instalación e pidan á Deputación que a compre e a xestione. “Por que motivo non se vai facer?”, cuestionou.
Por estes tres motivos, o BNG solicitou ao goberno da Deputación que “vaia centrándose no que ten que centrarse, que é colaborar cos concellos, axudalos dende o punto de vista económico pero tamén técnico e de funcionamento, en lugar de erixirse nunha estrutura paralela que non ten ningún sentido”.
César Mosquera tamén aclarou no Pleno provincial que a compra do teatro-cine Fraga nada ten que ver coa operación do Convento de Santa Clara en Pontevedra, como defendía a bancada do Partido Popular. Segundo explicou, o Concello de Pontevedra mercou as instalacións das clarisas en decembro de 2020 e, logo de confirmar a súa viabilidade para o uso como museo, foi cedido á Deputación en decembro de 2021. Salientou que o convento “tiña destinos de sobra”, pero decidiuse que fora para o Museo Provincial “por un motivo elemental, porque en si mesmo é un museo, aínda que houbera que musealizalo”, e porque había necesidade de espazo.
Do Revitaliza aos 3 millóns dos edificios centrais
O grupo provincial do BNG volveu criticar unha vez máis a ‘desnaturalización’ dos Plenos provinciais coa presentacións de mocións que nada teñen que ver coas competencias da Deputación. Mosquera invitou a utilizar outros foros para debater cuestións como o financiamento autonómico ou a situación de Venezuela.
Subliñou o nacionalista que, mentres o goberno provincial se ocupa de cuestións de “política elevada”, os problemas locais que debería atender “quedan abandonados”. Fixo referencia, de feito, a que de ter desenvolvido o Plan Revitaliza, potenciando a xestión dos residuos baseada na reciclaxe e na compostaxe, “probablemente o sablazo de Sogama afectaría menos”. Tamén sinalou que “igual ao subir tanto o nivel se esquecen do que teñen que facer e de que se poden perder os tres millóns de euros para os edificios centrais do Museo”.