Pontesan levanta o pano reivindicando a sanidade pública
Pontevedra, 27 de setembro de 2024. A V Feira da Saúde e Benestar-Pontesan levantou o pano nunha cidade que, como lembrou a tenente de alcalde, Eva Villaverde, “pon as persoas por riba de todo”. Durante a inauguración -amenizada polo Coro do IES A Xunqueira 1- Villaverde reivindicou a sanidade pública, subliñando, iso si, que “o peso da responsabilidade (da súa defensa e promoción) non pode recaer sobre as entidades sociais, se non que as administracións temos que estar aí, levar a voz cantante na defensa da sanidade de todas e todos”.
A tenente de alcalde non restou importancia nen agradecemento ao tecido socio-sanitario. Ao contrario, son eles, o seu traballo, a súas sinerxías colaborativas as que fan posible unha feira como Pontesan, da que a responsable municipal agarda que sirva para tecer redes entre administracións, entidades sociais e persoas co fin de visibilizar o traballo que se fai e os recursos que hai para avanzar nos coidados das persas e na afouteza do sistema público de saúde.
O xa consolidado como maior evento socio-sanitario de Galicia ofrecerá ás asociacións de doentes e familiares, clubs deportivos e entidades sen ánimo de lucro non só o maior e mellor escaparate da súa aposta a prol da promoción de hábitos de vida saudables, senón tamén do valioso traballo de información, asesoramento e acompañamento que fan no seu día a día para mellorar a calidade de vida das persoas e construír una sociedade igualitaria, equitativa e solidaria.
A Feira da Saúde e Benestar -organizada pola Concellería de Benestar Social da man do CEDDD- Galiza- porá o foco nesta quinta edición nos dereitos e obrigas dos doentes, así como na aposta pola educación en saúde, dúas temáticas que implican, e en ocasións enfrontan, ao mundo asociativo e sanitario. Unhas temáticas centrais que non perderán de vista os obxectivos que guían a Pontesan: sensibilizar sobre a importancia da saúde e o benestar; visibilizar as distintas dis- capacidades/diversidades e os retos aos que teñen por diante,: promover o deporte e os hábitos saudables e reivindicar a equidade social e unha inclusión real.