Pontevedra pon en marcha o Consello da Infancia
Pontevedra, 26 de setembro de 2024. O edil de Educación, Demetrio Gómez, deu conta do comezo inminente do Consello da Infancia que promove o Concello de Pontevedra e que o mesmo Gómez define como “unha actividade e un proxecto realmente importante, case unha recuperación de dereitos para un grupo de persoas: as crianzas”.
O concelleiro sinalou que as democracias adoitan ter certos problemas como pode ser o de escoitar a todos os seus cidadáns, concretando nos máis pequenos e pequenas da casa, “que non adoitan ser tidos en conta polos gobernos nin municipais, nin autonómicos nin estatais”. “Esas persoas teñen tantos dereitos como calquera outra, eses nenos e nenas que viven e conviven connosco e utilizan a nosa cidade. No Concello de Pontevedra queremos que as crianzas sexan cidadáns de pleno dereito. Que teñan os mesmos dereitos que o resto da veciñanza e que poidan ser escoitados”.
Así, o Consello da Infancia aparece como unha extensión da democracia a todas as persoas, sexa cal sexa a súa idade. A través do programa ‘Contas moito’, que comezou o xoves 26 cunha xuntanza de profesores e profesoras interesadas nesta cuestión, e en que este proxecto poida saír cara adiante.
“Para escoitar os nenos e as nenas temos que procurar e atopar representantes”, explicou. ‘Contas moito’ será o órgano do Consello da Infancia que favorecerá a inclusión das crianzas na cidade, contando co estudio Taller Abierto para tal fin.
Tal e como explicaron, Ana Barreiro e África Martínez de Taller Abierto, a idea e crear un órgano onde as crianzas poidan opinar sobre cuestións que lles afectan e temas que lles importan dentro do eido municipal. “Estará formado por nenos e nenas, será paritario e foron convidados os 18 centros escolares de Pontevedra”, indicaron. “A primeira xuntanza traerá a oportunidade de falar co famoso pedagogo Francesco Tonucci”.
Se ben nesta primeira reunión serán os profesores (que logo lles transmitirán ás crianzas e aos titores o alí falado), o Consello como tal funcionará os sábados (de xeito quincenal), a partir de xaneiro e até xuño, no Centro Social Leste. “Requirirá de certo compromiso dos rapaces e das familias, pois precisa certo tempo. Os temas partirán das propias crianzas e das preguntas que desde o Concello se poidan desenvolver. Ao final da actividade contaremos cun informe fondo coas conclusións desta experiencia que vivirán os seus 18 participantes”.