Pontevedra pon en marcha a Escola de Saúde Pública
De feito, lembrou, “un dos premios que máis ilusión nos fixo, e ao alcalde dun xeito especial, foi o outorgado no 2015 polo Center of Active Design da Fundación Bloomberg á excelencia dun deseño urbano saudable”. “Un modelo urbano no que traballou moita xente: Lores e goberno local, técnicos do concello e as veciñas e veciños que o asumiron como seu, enumerou Gulías. E neste camiño, engadiu, “estivo o apoio e traballo das asociacións socio-sanitarias a prol dunha cidade aberta, humanizada e para todas e todos” .
A ESP nace, subliñou a concelleira, cun triplo obxectivo: “Mellorar a calidade de vida das persoas e promover hábitos saudables, ter un espazo fixo e permanente de participación, de información e coñecemento do traballo altruísta desenvolvido polas asociacións socio-sanitarias e defender a sanidade pública como pedra angular dunha sociedade democrática, equitativa, igualitaria e solidaria”
Como apuntou Anabel Gulías “neste proceso xa nos puxemos en contacto con moitas asociacións que están mandando propostas de programación e a final de ano desenvolveremos un cronograma e un calendario con diferentes actividades relacionadas coa saúde, que se farán na nosa cidade durante todo o ano”.
Poderán deseñar e presentar iniciativas (actividades, obradoiros, relatorios...) as asociacións socio- sanitarias, clubs deportivos, colectivos de persoas con diversidade funcional, entidades sen ánimo de lucro, fundacións, colexios profesionais... que teñan como obxectivo fundacional a promoción do benestar, o apoio a enfermos e familiares ou tamén profesionais que traballen na procura da calidade de vida de todas e todos.
A modo de limiar dá primeira programación anual, xa están en carteira as primeiras actividades que se desenvolverán todos os venres de novembro, a partir das 20.00 horas, ben no Pazo da Cultura ou ben no Mercado. Abordaranse temáticas como: o alcoholismo, os recursos e retos na atención socio-sanitaria na etapa de envellecemento das persoas con síndrome de Down ou que facer fronte a un diagnóstico de cancro.
Ao carón da concelleira estaba a presidenta do CEDDD-Galicia (Consello español para a defensa da discapacidade e a dependencia), María Jesús Monterde quen amosou a súa satisfacción por formar parte dunha inciatica, a Escola de Saúde Pública de Pontevedra, que “será o punto de encontro das asociacións socio-sanitarias; un espazo para detectar, informar e visibilizar doenzas e a diversidade (funcional e sensorial) e beber das sinerxias de Pontesan”.
“Queremos volver á humanización (da sanidade), non somos números” reivindicou María Jesús Monterde, para de seguido manifestar o seu convencemento de que espazos como Pontesan e a nova ESP servirán tamén como plataforma para reivindicar un sistema publico de calidade e para axudar a construír unha cidade mellor, sen exclusións
Pontesán abre o venres as súas portas
Medio cento de asociacións socio-sanitarias, clubs deportivos, profesionais e entidades sen ánimo de lucro e administracións participan na nova edición de Pontesan, na carpa central da Praza de España. A cita de dous días é o maior evento socio-sanitario de Galiza.