Lores no XI Congreso das Cidades que Camiñan: "Cada alcalde pode ser o médico da súa cidade"
Iruña, 26 de setembro de 2024. O alcalde de Pontevedra e presidente da Rede “Cidades que Camiñan” na inaugación do seu XI Congreso fixo valer a súa condición de médico para falar da necesaria transformación das cidades: “Antes era médico de familia e cando veñen nenas e nenos de visita ao concello pregúntanme se prefiro ser médico ou alcalde; a miña resposta é que antes receitaba na consulta e agora receito decretos e ordenanzas para contribuír drasticamente á mellora da saúde das cidades enfermas”.
“A alcaldía, segundo Lores, é unha continuación da medicina de familia, pero para as cidades”. Convertelas en espazos máis amables, con máis superficie pública para as persoas, menos contaminación, máis ruído e menos violencia viaria é a forma máis eficaz de gañar calidade de vida para todas e todos.
Citou o costume de aparcar na rúa como un dos vicios da cidade contemporánea: “En 1919 rexistrouse en Londres o primeiro caso en que un coche de cabalos foi estacionado na rúa... a partir de aí, ese costume foise estendendo ata chegar á actualidade onde é mesmo posible ver algúns bulevares asfaltados como aparcamentos”. O obxectivo de Pontevedra, compartido pola Rede de Cidades que Camiñan, é o que pola cidade circulen exclusivamente os vehículos que a cidade necesita para o seu funcionamento, non máis.
Manifestouse tamén contrario a que se discriminase o acceso á cidade en función da renda, algo que ocorre coa maioría das Zonas de Baixas Emisións: Antes que deixar pasar a uns coches novos e tecnolóxicamente máis avanzados, e non a outros, deberían concibirse como unha oportunidade para conseguir unha cidade amable, acolledora, que fose a continuidade do propio espazo doméstico; con espazos accesibles, harmónicos e agradables”.
Finalizou cunha chamada á valentía, como é tradicional no inicio destes congresos da Rede: “Hai que empoderarse contra o medo para lograr espazos de convivencia, coa conciencia clara de que a cidade non é para correr, senón para circular en calma e co maior número de espazos de convivencia posible”.