Presentada a programación completa do Festival Núbebes
Pontevedra, 25 de setembro de 2024. O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez anunciaba acompañado de Andrea Bayer de Baobab o regreso do Festival das Núbebes que festexa nesta edición o seu 10º aniversario, que terá lugar os días 5, 6, 12 e 13 de outubro entre a sala de usos múltiples do Teatro Principal e a Casa das Campás. Xa está activada a venda anticipada de entradas a través da plataforma Ataquilla a un prezo de 3€+gastos.
“Quizáis é o público máis importante de todos, o que está aprendendo como é o teatro e temos que meterlle o bicho na cabeza e no corazón desde que son ben pequerrechiñas e pequerrechiños” afirmou Demetrio Gómez, que puxo en valor o gran traballo feito pola compañía pontevedresa Baobab Teatro, sen a cal “non poderiamos ter esta cousa tan linda que son as Núbebes”,.
Núbebes conta coa programación máis completa que se pode facer para bebés e cativada e, aínda que prioriza coma sempre ao público ao que vai destinado, que é cativada menor de sete anos, as persoas adultas acompañantes van gozar tamén cos espectáculos.
Andrea Bayer de Baobab Teatro, responsable da programación destacou “a emoción de volver coas Núbebes, un festival “moi demandando e querido”. Núbebes comeza o día 5 coa estrea dun grupo de Pontevedra, Bonnie Cooper, que porá en escea un espectáculo de ópera cunha soprano que vai ser todo un reto e que as pequenas e pequenos van agradecer.
Bayer salientou que as nenas e nenos son un “público moi esixente porque non teñen contemplacións, as veces choran non porque non lles guste o espectáculo, senón porque nese momento teñen algunha molestia. Nós apostamos pola primeira infancia como dixo Demetrio pero pensamos moito nas persoas que acompañan a estas personiñas pequenas porque, non poden vir soas de ningunha maneira. Son espectáculos pensados para toda a familia, o acubillo, ese momento de lecer xuntos, permitindo que veñan sempre o papá e a mamá”.
Haberá contos, teatro, este ano tamén moito concerto, temos de todas as artes. Estará Roque por susposto, na inauguración como nun espectáculo e temos tamén unha despedida: o grupo Pavís Pavós pon punto e final aquí no noso festival. "É super importante porque para nós son tamén amigos, formaron parte das Núbebes desde o principio e aportaron moito á primeira infancia. Tiñan que estar si ou si porque é a última vez que os imos poder ver e é un luxo que non nos podemos perder”, afirmou Andrea Bayer.
A modo de anécdota, Andrea comentou que “na inauguración adoitamos subir sempre algún bebé amigo e este ano levaremos á bebe máis pequeniña de toda a historia das Núbebes: Amelia, que ten agora 6 días”.