Manu Fariña propón avanzar nun modelo que poña ás persoas por diante dos coches

Manule Fariña
Manu Fariña propón avanzar nun modelo que poña ás persoas por diante dos coches

Caldas de Reis, 17 de xuño de 2020. O BNG propón avanzar na peonalización do casco histórico de Caldas para poñer en valor o espazo público da vila e gañar espazo para as persoas nun momento no que é máis necesario que nunca.

No actual contexto sanitario e social, o BNG insiste na peonalización do entorno da Prazuela, o que permitirá crear un gran entorno peonil no corazón da vila que facilitará que tanto os caldenses como todo aquel que nos visite poida disfrutar do espazo público mantendo o distanciamento social.

“Cidades como Vigo, Zaragoza, Barcelona, París ou Milán están avanzando nun modelo que o BNG leva poñendo en práctica durante anos en vilas como Allaríz e Tomiño ou cidades como Pontevedra. Caldas non pode permitirse o luxo de quedar atrás pola falta de valentía política do goberno municipal” sentenciou o portavoz municipal do BNG.

A peonalización deste entorno permitiría ademais a posta en valor de elementos como a fonte da burga e o lavadoiro termal, os cales non só son elementos que forman parte da historia da nosa vila senón que son parada obrigada dos visitantes e peregrinos e son quizais os máis importantes reclamos turísticos de Caldas.

Dende o BNG esixímoslle ao goberno municipal que se deixen de escusas de mal pagador e comecen a traballar para que Caldas non perda unha vez máis o tren das vilas e cidades que avanzan e progresan. Pois neste momento máis que nunca a veciñanza estanos a pedir que tomemos decisións e fagamos o posible para facer de Caldas un lugar máis seguro e máis amable coas persoas.

“Queremos que Caldas sexa un concello que coide e valore o espazo público, pois é un espazo que nos pertence a todas as persoas, sen embargo o espazo público agora mesmo está completamente dominado polo vehículo privado. Debemos invertir a tendencia e poñer ás persoas por diante dos coches” manifestou Manuel Fariña.

Manu Fariña propón avanzar nun modelo que poña ás persoas por diante dos coches