Bará aposta por iniciar as obras do novo centro de saúde en Caldas de Reis no 2021

BARÁ CALDAS CENTRO DE SAÚDE1
Bará aposta por iniciar as obras do novo centro de saúde en Caldas de Reis no 2021

Caldas, 16 de xuño de 2020. “Caldas ten que contar coa atención sanitaria pública que merece”. Así o manifestou o  cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, na súa visita á vila de Caldas, onde apostou pola construción dun novo centro de saúde que solucione os problemas actuais de Atención Primaria, comprometéndose a que o BNG, tras o cambio galego que se producirá o 12X na Xunta, priorizará a redacción do proxecto e habilitará unha partida nos vindeiros orzamentos para que as obras poidan comezar no ano 2021. “É de xustiza, levamos moito tempo agardando”, subliñou.

Bará realizou estas declaracións nun encontro co BNG de Caldas – co voceiro do grupo municipal Manu Fariña, militantes e simpatizantes- para presentar as propostas do plan de mellora de Atención Primaria do BNG no Goberno da Xunta. Indicou que prevé un incremento en 200 millóns de euros do orzamento xeral do Sergas para, fundamentalmente, mellorar a dotación de persoal tanto de Enfermería, como Medicina de Familia como de Pediatría “e así  contrarrestar as políticas de recortes e privatizacións levadas a cabo polo Partido Popular ao longo de 11 anos e que puxeron contra as cordas literalmente a Atención Primaria”.

O cabeza de cartel destacou que Caldas é un exemplo da mala situación da Atención Primaria galega polo deterioro constante do centro de saúde e da atención sanitaria, pola dispersión dos servizo nos diferentes edificios, pola masificación e polos retrasos que se producen na atención dos veciños e veciñas. “A veciñanza precisa un novo equipamento que substitúa o actual, claramente insuficiente, masificado, con deficiencias construtivas e unha manifesta carencia de espazos que fai que se tivese que trasladar o servizo de matrona como proximamente tamén o de pediatría a outras instalacións ao lugar de A Tafona”, insistiu. 

Tras o cambio galego nas eleccións do 12 de xullo o Bloque priorizará a redacción do proxecto para a parcela de 7.000 metros cadrados de Santa María

Fronte a esta situación, subliñou Bará, o BNG aposta pola construción dun novo centro de saúde na vila de Caldas, un proxecto que –lembrou- foi paralizado polo Partido Popular ao longo de máis de 10 anos, poñendo atrancos a diversas ofertas de terreos e propostas que se fixeron desde o Concello. “Un retraso resultado consecuencia do partidismo e sectarismo do PP”, enfatizou. 

Para dar a coñecer a concreción da súa proposta, Bará e o resto das e dos acompañantes nacionalistas de Caldas, visitou unha parcela municipal na zona de Santa María que ten todas as características axeitadas para acoller o novo centro de saúde. A finca, de feito, dispón de 7.000 metros cadrados, ten todos os servizos dispoñibles nas inmediacións -fundamentalmente as conexións da rede de auga e saneamento-, ten accesos e tamén espazos necesarios para estacionamento e zonas verdes. É necesaria, recoñeceu Bará, a mellora da estrada provincial que comunica co centro da vila e tamén dos accesos peonís, cuestións que deberán solucionarse cando se poña a andar o proxecto.

Bará aposta por iniciar as obras do novo centro de saúde en Caldas de Reis no 2021