O BNG ofrecerá este venres, 30 de abril, ás 20 h. no Teatro Principal unha charla informativa sobre os parques eólicos
Pontevedra, 28 de abril de 2021. Coa participación dos deputados Luís Bará e Noa Presas, o BNG ofrecerá este venres, día 30 de abril ás 20 h. unha charla-coloquio sobre os parques eólicos baixo o título de “Por un Plan eólico público, xusto, sustentábel, e que xere riqueza no territorio. Non ao espolio eléctrico”
Na presentación deste acto, o responsábel comarcal, Demetrio Gómez, falou do momento histórico que se está a viver no mundo coa transición enerxética que busca substituír os combustíbeis fósiles por enerxías renovábeis, un proceso que o BNG apoia desde o primeiro momento no noso país, “polo noso compromiso ambiental, porque somos unha potencia na produción de enerxía, (e, neste proceso, podemos selo aínda máis) e porque estamos diante dunha oportunidade histórica para o desenvolvemento económico, industrial, tecnolóxico, social e ambiental do noso país”.
Por desgraza, afirmou Demetrio Gómez, “A Xunta e o PP están colocados do lado das empresas multinacionais, cuxo único obxectivo é mellorar a súa conta de beneficios”, espoliando a riqueza de Galiza. E faino de múltiples maneiras, cunha acción lexislativa que nos mantén cunha lexislación obsoleta, ou, cando lexisla de novo, faino contra o territorio, como como a coñecida popularmente como Lei de depredación. Ademais, o goberno galego está a tramitar todos os proxectos eólicos de maneira escurantista e sen información.
O que podería ser unha riqueza para o noso país, estase convertendo, pola acción da Xunta, nun espolio da nosa riqueza
Con esta actitude da Xunta, o que podería ser unha oportunidade para Galiza convértese nun espolio da nosa riqueza.
No BNG, anunciou Gómez, imos facer todo o que estea na nosa man para que isto non sexa así e imos poñer en marcha toda a nosa actividade parlamentar, a recabar toda a información sobre os polígonos e a informar dos mesmos aos veciños e veciñas da comarca de Pontevedra dos parques eólicos que afectan nestes momentos a concellos como Moraña, Cerdedo-Cotobade ou, de xeito máis embrionario, ao monte da Fracha, entre os concellos de Pontevedra e Soutomaior.
O responsábel comarcal do BNG afirmou que a organización nacionalista leva xa unhas semanas con esta campaña, con actos informativos no concello de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, e cunha visita á parroquia de Borela para observar in situ onde se pretende instalar un parque eólico, con muíños a menos dun quilómetro de vivendas. Esta campaña informativa, chega este venres a Pontevedra, cun acto no Teatro Principal ás 20.30 h. nas que participarán os portavoces parlamentares de Medioambiente e Industria, Luís Bará e Noa Presas.
Trátase dun acto aberto pero, debido ás limitacións de aforo polo protocolo Covid, para asistir compre anotarse no local do BNG, chamando aos teléfonos 986 866205 ou 620 26 28 02. O acto retrasmitirase asimesmo no facebook do BNG: BNG Pontevedra-Caldas