As conversas para a adquisición do convento de Santa Clara están moi avanzadas
Pontevedra, 27 de abril de 2021. As negociacións para que o Concello de Pontevedra merque o convento de Santa Clara, para preservar a súa conservación e evitar a súa están moi avanzadas, a falta de pequenos flecos e da autorización do Vaticano. O concelleiro de patrimonio histórico, Xaquín Moreda, afirmou que existe un “bo entendemento entre todas as partes”.
O proceso desde que se anunciara a intención do Concello de mercar esta propiedade levouse a cabo con absoluta “discreción” e así se seguirá levando até que a operación estea pechada. Actualmente estanse ultimando os últimos flecos, como o posíbel traslado dun pequeno cemiterio de monxas no xardín do cenobio ou o destino de elementos mobles protexidos como os retablos.
Moreda lembrou que a decisión de seguir adiante co proceso de adquisición foi firme tras a visita que realizara, o pasado mes de decembro, un amplo equipo formado por persoal técnico municipal das disciplinas profesionais competentes na avaliación. A visita realizárase para “evitar sorpresas e descartar fallos de construción ou estutrurais”, e tras a inspección visual realizada comprobouse que os elementos principais, como o muro de peche e a igrexa están en boas condicións, e que o resto do edificio precisa rehabilitación pero que non presenta nin problemas de humidades nin nos muros de carga.