O BNG reclámalle á Xunta que se poña á fronte das negociacións para a saída de Ence da ría de Pontevedra
O deputado nacionalista Luís Bará presentou hoxe no parlamento galego unha proposición non de lei na que reclama ao goberno galego que exerza as competencias que ten en materia de medio ambiente, ordenación do territorio e desenvolvemento industrial.
Pontevedra, 26 de abril de 2021. Logo da xuntanza que tivo lugar en Madrid na semana pasada, convocada polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Cambio Climático e na que particpou a Xunta, o Concello de Pontevedra, a empresa ENCE, os representantes sindicais e unha representación da industria forestal, o BNG considera que a saída da fábrica da ría de Pontevedra é unha posibilidade real que debe ser tida en conta e que se deben estudar todas as opcións para facela realidade. Segundo o deputado nacionalista Luís Bará: “Estamos diante dunha oportunidade para sacar a fábrica da ría e para desenvolver un novo proxecto industrial que peche o ciclo produtivo en Galiza”.
Segundo Bará, “a Xunta non pode poñerse de perfil, debe poñerse á fronte deste proceso xa que ten as competencias en ordenación do territorio, medio ambiente e desenvolvemento industrial. Por iso debe impulsar e liderar o estudo de alternativas de emprazamento e as negociacións para a construción dunha nova factoría que permita xerar novos postos de traballo, tanto no sector forestal como no aproveitamento da ría”.
Para o BNG, o estudo destas alternativas debe ser compatíbel co desenvolvemento dun novo modelo forestal, baseado na biodiversiade e non no monocultivo, e co impulso dunha nova política para o monte que aposte decididamente pola multifuncionalidade e pola potenciación dos seus valores ambientais, sociais e produtivos.
Luís Bará: “Estamos diante dunha oportunidade para sacar a fábrica da ría e para desenvolver un novo proxecto industrial que peche o ciclo produtivo en Galiza”
Segundo Luís Bará, “estamos diante dunha grande oportunidade para recuperar a ría, para preservar a saúde e a seguridade da poboación, para garantir un desenvolvemento urbano integrador, e para xerar máis postos de traballo tanto na actividade forestal sustentábel como no aproveitamento pesqueiro e marisqueiro da ría de Pontevedra”.
Batería de iniciativas parlamentarias
Xunto coa proposición non de lei na que demanda que a Xunta exerza as súas competencias e se poña á fronte das xestións para o traslado de ENCE, o BNG rexistrou unha interpelación e preguntas parlamentarias ao goberno para que dea conta das xestións que está a realizar sobre unha eventual saída de ENCE da ría de Pontevedra. Entre outras cuestións, o deputado nacionalista Luís Bará pregunta sobre a viabilidade da construción dunha nova factoría que peche o ciclo produtivo, sobre os efectos positivos que podería ter este proxecto para a ría de Pontevedra e para o emprego, e sobre as previsións de desenvolvemento dunha nova política forestal e para o monte baseada nos principios da biodiversidade e da multifuncionalidade.
Petición de comparecencia da Directora Xeral de Calidade Ambiental sobre a contaminación por mercurio
Ademais das iniciativas sobre o traslado de ENCE, o grupo parlamentar do BNG tamén rexistrou a pasada semana unha petición de comparecencia no parlamento, na comisión de medio ambiente, da Directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático para que dea conta dos alarmantes informes sobre contaminación por mercurio nos terreos e na contorna de ELNOSA e ENCE, e sobre os potenciais riscos para a saúde da poboación, para as augas superficiais e subterráneas, para as augas da ría e para as actividades pesqueiras e marisqueiras.