O BNG denuncia o clamoroso suspenso no mantemento dos centros educativos de Caldas

2019-03-30 17.33.34-Manuel Fariña-15505
O BNG denuncia o clamoroso suspenso no mantemento dos centros educativos de Caldas

Caldas de Reis, 2 de setembro de 2020. O portavoz municipal do BNG en Caldas de Reis, Manuel Fariña esíxelle ao alcalde a execución dos labores de mantemento das escolas infantís antes da volta ás aulas, así como tamén lle trasladou esta mesma mañá a man tendida da organización nacionalista para adoptar todas aquelas medidas encamiñadas a dar a maior seguridade na volta ás aulas nos centros educativos de Caldas.

O inminente comezo do curso escolar está a poñer de manifesto o nulo interese do goberno municipal de Caldas nunha volta ao cole en condicións, pois malia que as aulas levan pechadas dende o mes de marzo, o goberno socialista de Caldas non foi quen de acometer as reparacións básicas de mantemento que lle trasladaron as ANPAS e as direccións dos centros educativos.

O actual contexto sanitario representa un reto e engade unha especial responsabilidade ás administracións públicas, e aínda que a irresponsabilidade da Xunta de Galiza coa volta ao cole está á vista de todas e de todos, o Concello de Caldas non debería escudarse nesa irresponsabilidade da administración autonómica para xustificar a súa propia incompetencia para acometer as actuacións de mantemento básicas que lle correspondía executar ao concello.

Deste xeito, a menos de 10 días para a volta ás aulas están pendentes de executar actuacións tan sinxelas como cambios de percheiros, espellos, mantemento e reparación dos chan de corcho, e mesmo aplicar unha man de pintura nalgunha das escolas infantís do rural caldense, unhas actuacións que o alcalde de Caldas se comprometera a executar e non foi quen de realizar.

“Nun contexto no que a Xunta de Galiza está a actuar con manifesta irresponsabilidade, o mínimo que debera facer o concello é colocarse de lado das familias e dos mestres para garantir as mellores condicións para os nenos e nenas de Caldas” afirmou Manuel Fariña.

O BNG denuncia o clamoroso suspenso no mantemento dos centros educativos de Caldas