DOMINGO 22 DE MAIO ÁS 12 H. PRAZA DO CONCELLO DE CERDEDO
O BNG convoca unha mobilización contra os parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas
Pontevedra, 27 de abril de 2022. Dentro da campaña de información e mobilización social que está a levar a cabo o BNG contra os proxectos eólicos de Portos Vidros e Campo das Rosas, animamos á veciñanza, ás plataformas existentes, ás comunidades de montes e entidades sociais a participar o vindeiro domingo 22 de maio ás 12 h. na mobilización que terá lugar na praza do Concello de Cerdedo para amosar o rexeitamento a este novo intento de agresión ao noso territorio. Así, o anunciaron hoxe nunha rolda de prensa os portavoces municipais en Cerdedo-Cotobade e Forcarei, Ernesto Filgueira e Roberto Jorge Correa, que estiveron acompañados dos membros do BNG dos concellos de A Estrada, Montse López Xosé Manuel Nogueira, Campo Lameiro, Álvaro Franco e César Tosar, e Cerdedo-Cotobade, Anxo Santomé e Antón Mouriz.
Filgueira denunciou que os dous parques, “que teñen unha afectación brutal no territorio, cos muíños pegados a vivendas e coa afectación ás augas, comparten infraestruturas e son, na práctica, un único proxecto industrial”. A única razón para que se tramiten de forma fragmentada é para esquivar os estudos de impacto ambiental.
Nun espazo pequeno do territorio -afirmou Filgueira- aglomeraríanse os parques eólicos de Campo das Rosas, Cabanelas, Monte de Arca, As Penizas, Pico Touriñán, Porto Vidros e Touriñán III, co conseguinte impacto sobre a paisaxe e perda de biodiversidade que supón a construción de todas as infraestruturas necesarias para dar servizo a estes parques.
Os representantes nacionalistas dos concellos afectados lembran o gran rexeitamento social a estes proxectos, con mobilizacións multitudinarias, e fan un chamamento á veciñanza a participar na mobilización convocada para o domingo 22, conscientes de que canto maior sexa a presión social, maior será a posibilidade de evitar a desfeita do noso territorio.