O BNG insta á Xunta e ao PP a que dean a cara e defendan os ríos Verdugo e Oitavén
Pontevedra, 22 de abril de 2022. O deputado nacionalista, Manu Lourenzo instou a Xunta e a Alfonso Rueda a que deixen de agocharse, dean a cara e confirmen, dunha vez por todas, que non van apoiar ningún tipo de instalación faraónica que sexa letal para os ríos Verdugo e Oitavén”. A competencia sobre os nosos ríos é da Xunta, e non imos permitir que futuro do do Verdugo e o Oitavén -afirmou- se empreguen nun mercadeo de votos entra a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo, entre Rueda e Caballero”. Lourenzo realizou estas declaracións nunha comparecencia de prensa, na que tamén participaron o responsábel comarcal do BNG e responsabeis nacionalistas de Ponte Caldelas, Soutomaior, A Lama e Fornelos de Montes.
Un problema de xestión da auga en Vigo, non de subministro
“No BNG somos conscientes que ante situacións de emerxencia hai que adoptar solucións de emerxencia. Mais non é o caso. O que está enriba da mesa é un problema de mala xestión e despilfarro de auga por parte do goberno de Vigo”, afirmou o deputado e portavoz do BNG en Soutomaior, Manu Lourenzo, que puxo como exemplos o baldeado as rúas con auga potábel en época de seca, e a mala situación da rede de abastecemento, que fai que catro de cada dez litros que chegan a Vigo se perdan polo camiño.
O deputado nacionalista lembrou que na seca de 2017 o caudal ecolóxico do Verdugo estaba no mínimo do seu caudal ecolóxico con apenas 900 litros por segundo, e que calquera redución deste caudal, sexa por transvasamento ou por construción dun encoro sería fatal para o río e para os fondos marisqueiros do fondo da ría de Vigo, que dá de comer a centos de familias.
O problema de Vigo non é de subministro de auga, senón de mala xestión, ao perder máis dun 35% da auga que chega á cidade polo mal estado da rede de abastecemento
Lourenzo lembrou que o proxecto presentado non só incumpre a lexislación europea de augas, senón tamén a española e a galega, e que antes de acometer un proxecto tan agresivo contra o medio ambiente debéranse estudar antes outras alternativas máis acordes coa ecoloxía e a racionalización do uso da auga. Neste sentido, afirmou que “non é razoábel que se lle contrate o estudo a unha empresa que ten como obxectivo a construción e a participación en encoros”, polo que -sen dubidar da súa solvencia técnica- é imprescindíbel unha valoración que “non teña sesgo de parte”.
Manu Lourenzo afirmou que o BNG sempre vai estar do lado dos bancos marisqueiros, do medio ambiente, doutra cultura da auga e dun abastecemento racional da auga, e que o tema se vai debater no vindeiro mércores pleno do Parlamento galego.
Pola súa banda o concelleiro e responsábel local do BNG en Pontevedra, Demetrio Gómez salientou a responsabilidade do BNG co planeta, unha responsabilidade que “esixe un coidado constante dos ríos”. Neste sentido puxo o exemplo de Pontevedra, coa recuperación do Lérez, co saneamento do Gafos, coa recuperación das xunqueiras, co coidado do Fontáns, etc. “Termos os ríos nestas boas condicións é o resultado dun traballo do día a día: separativo de redes de fecais e pluviais, rede de abastecemento sen case perdas (arredor do 3%), investimento na nova rede de abstecemento para todos os concellos da Ría, etc”, afirmou Gómez.
Mentres en Pontevedra as perdas da rede de abastecemento de augas rondan o 3%, en Vigo superan o 35%
Agora, con este proxecto, quérese atentar contra o Oitavén e o Verdugo e afectarlles aos seus caudais o que vai provocar graves problemas problemas ecolóxicos e económicos, sobre todo no banco marisqueiro de Arcade e nos centos de familias que viven del.
Concentración, sábado 23
Intervíu tamén a portavoz municipal de Ponte Caldelas, Sol Seoane que afirmou que “a construción do encoro suporía estragar un enclave dunha gran riqueza etnográfica e cultural e dun alto valor ambiental: carballeiras centenarias, restos das primeiras vivendas históricas que deron orixe a Forzáns, o camiño dos arrieiros, muiños….” Trátase, pois dunha agresión medioambiental clara e manifesta. “Ponte Caldelas non é o patio traseiro de Vigo, e nin o PSOE nin a Xunta poden pretender que o noso concello pague a mala xestión da auga que se fai en Vigo co estragamento do noso río e dos nosos recursos naturais”.
Sol Seoane informou que o BNG xa organizou o pasado 15 de abril unha andaina coa veciñanza pola veira do Oitavén e o regato de San Fiz, no lugar onde pretenden facer o encoro, que mañán, sábado convocou unha concentración de protesta na rotonda Caritel - A Lama e que solicitou xa un pleno extraordinario do Concello para mostrar o rotundo rexeitamento da corporación ao proxecto.