O BNG esixirá que a revisión dos prezos das obras públicas chegue tamén aos Concellos
Pontevedra, 1 de abril de 2022. O BNG dará a batalla co Congreso para que na convalidación do real-decreto de 30 de marzo se fagan as modificacións precisas para “quede claro que se poidan acoller todas as administracións públicas á revisión dos prezos”. Así o anunciou o deputado e membro da Executiva Nacional, Luís Bará, nunha reunión mantida co Presidente da Asociación de Construtores de Pontevedra, Miguel Angel Caruncho, na que tamén participaron as concelleiras e membros da Executiva Nacional, Carme da Silva e Eva Vilaverde.
Bará mostrou a extrema preocupación do BNG polo efecto encadeado de crise na economía, tanto no sector primario, como secundario e terciario, co estrangulamento dos distintos sectores sectores económicos, con afectación no conxunto da sociedade. Para Bará, este problema ten, en parte, “causas especulativas. Hai quen se está beneficiando desta crise con beneficios desorbitados, e quen a está pagando”.
A respeito do sector da construción, o incremento desmesurado dos prezos dos materiais, da enerxía e do transporte, así como os problemas de subministro está repercutindo na xestión dos contratos públicos, coa dificuldade de cumpir eses contratos. “A construción é un sector estratéxico para o país, que en Pontevedra dá emprego directo a 23.000 persoas e 100.000 indirectos, polo que o BNG levará tanto ao Congreso como ao Parlamento galego a necesidade de estabelecer un mecanismo claro e áxil de revisión de prezos para que se poidan executar todas as obras públicas programadas e previstas polas distintas administracións.
Bará: “O sector da construción é un sector estatéxico para Pontevedra e para Galiza, con perto de 23.000 traballadores directos e 100.000 indirectos”
Pola súa banda, o Presidente da Asociación de Construtores de Pontevedra, afirmou que o sector está vivindo un momento moi complexo, “coa maior suba de prezos dos últimos 50-60 anos”, tanto nos materiais (80-90% no aceiro; 110% na madeira; 30-40% no formigón) como na enerxía e no combustíbel para a maquinaria, que “fan prohibitivo acometer as obras que xa están contratadas”.
Para Caruncho é evidente que as obras que xa están contratadas teñen que ter “un sistema que permita manter o equilibrio dos contratos, así como unha maior laxitude nos prazos”, debido á ralentización do ritmo de subministro dos materiais precisos.
Salientou, neste sentido o paradoxo que estes 2-3 últimos anos, os de maior investimento público nos últimos 40-50 anos, sexan tamén os que máis obra pública quede sen facer. Reivindicou “a revisión dos prezos sexa permeábel a todas as administracións públicas, que neste momento non o é”. Neste sentido afirmou que “os Concellos deben poder acollerse a es noma para que as obras que están executando se poidan sacar adiante, sen que sexa a morte das empresas”.