O BNG comprométese cos dereitos das crianzas nunha xuntanza cos colectivos Loita e DiverXentes
Pontevedra, 30 de xaneiro de 2024 .- O Bloque Nacionalista Galego mantivo no día de hoxe unha xuntanza con mulleres representantes dos colectivos DiverXentes e Loita para coñecer de primeira man as súas denuncias e demandas na que se comprometeu que se dotarán os servizos públicos de maiores recursos (materiais, humanos e económicos) para conseguir unha mellora real e efectiva da calidade de vida das persoas.
Na reunión estiveron presentes os concelleiros Xaquín Moreda e Alberto Oubiña, así como a candidata de Pontevedra Marta Gómez, que afirmou que “No BNG acreditamos en que as administracións públicas teñen que ser aliadas para que todas as persoas poidan desenvolver con garantías os seus proxectos de vida, dende ben pequenas.”
Marta Gómez, candidata do BNG: “O BNG ten a man tendida a traballar para garantir que se cumpran os dereitos que xa están conseguidos sobre o papel, nomeadamente aqueles que afectan ás mulleres, nais e ás súas crianzas”.
Tras escoitar as denuncias e demandas dos colectivos presentes, o BNG comprometeu dúas medidas esenciais para garantir os dereitos das crianzas na educación e na sanidade. Por unha banda garantir a igualdade de oportunidades, a equidade e a atención á diversidade en todas as etapas e niveis educativos a través dun Plan de Actuación Preferente, unha Rede Educativa de atención á Diversidade e un Plan específico de formación na atención á diversidade destinado ao persoal profesional do ensino público e, pola outra, elaborar un Programa específico de atención temperá para mellorar a rede galega de atención temperá, sempre en colaboración con entidades representativas do sector como coas que nos reunimos hoxe.