CHAMA A MOBILIZARSE MASIVAMENTE O 25 DE XULLO

O BNG apela ao compromiso colectivo para construir entre todos e todas unha Galiza libre, solidaria e pacifista

O BNG apela ao compromiso colectivo para construir entre todos e todas unha Galiza libre, solidaria e pacifista
Pontevedra, 19 de xullo de 2025. O BNG reuníu a militantes e simpatizantes no campiño de Santa María dentro dos actos previos ao día da Patria Galega, cos que a formación nacionalista quenta motores para a grande manifestación nacional que terá lugar o 25 de xullo en Compostela.

Durante a festa, na que, de forma distendida, as e os nacionalistas avaliaron a situación política local, nacional e internacional, tomaron a palabra a responsábel local do BNG, Sabela Bará e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Bará, que comezou a súa intervención agradecendo á militancia o seu compromiso, fixo fincapé na importancia do traballo colectivo. “O BNG é, como xa temos demostrado, a mellor ferramenta de transformación social que existe, que se constrúe día a día co esforzo e coa ilusión de moitísimas persoas comprometidas. Se hoxe temos esta Pontevedra que soñamos é grazas á enerxía compartida e ao compromiso colectivo. Se hoxe somos a alternativa para construír unha Galiza mellor é porque hai moitas persoas xuntas que confían en todo o potencial deste País”.

Sabela Bará: “dende o BNG pensamos unha Galiza en grande e recollemos todo o legado de quen nos precedeu para seguir construindo. Facémolo co noso compromiso no día a día, escoitando, debatendo, mobilizándonos, apoiando as causas xustas…”

A responsábel nacionalista puxo como exemplo o traballo feito en Pontevedra, que levou á cidade a ser todo un referente e a estar á vangarda entre as cidades do mundo. “Se vivimos nesta Pontevedra é grazas a un conxunto de persoas que deron o mellor de si para logralo e a unha cidadanía que se implicou e apoiou este proxecto colectivo”. “Hoxe celebramos todo o construido, mais, coa ilusión que nos define, tamén todo aquilo que aínda está por vir”.

Coa mesma vontade de avance e transformación que o BNG levou a cabo en Pontevedra, Sabela Bará urxíu a a traballar por unha Galiza “con servizos públicos de calidade, con vivenda digna, unha Galiza que poña os coidados no centro, unha Galiza feminista e diversa, orgullosa da súa lingua propia. Unha Galiza soberana, aberta ao mundo, pacifista e antiimperialista que berra “Dende o río até o mar, Palestina vencerá”.

Antes de dar paso ao alcalde de Pontevedra, Sabela Bará citou a Castelao, do que este ano se conmemora o 75 cabodano do seu pasamento: “Se Galiza che parece pequena é porque non tes azos para concibir nada grande”, para afirmar que “dende o BNG pensamos unha Galiza en grande e recollemos todo o legado de quen nos precedeu para seguir construindo. Facémolo co noso compromiso no día a día, escoitando, debatendo, mobilizándonos, apoiando as causas xustas…”.

Acto seguido tomou a palabra o alcalde de Pontevedra, que recurríu á súa experiencia vital para falar da importancia de ser coerente e loitar polo que un pensa que é bo para mellorar o país e a calidade de vida das súas xentes. Lembrou as primeiras loitas contra Celulosas “polas que acabei no cuartelillo”, e que hoxe se repiten tamén na loita contra a macrocelulosa de Altri que a Xunta do PP quere colocar no corazón do país. “Na Galiza estamos fartos de ser unha colonia, un territorio de espolio, de sacrificio”, afirmou.

Miguel Anxo Fdez. Lores: “Se ser antiimperialista, se apoiar a nosa lingua, se defender o noso país e o seu potencial, se apoiar a Palestina ou se defender a sanidade e a educación pública é ser antisistema, entón o BNG é claramente anti-sistema, e a moita honra !”

“Somos un país rico e aspiramos a que a nosa riqueza contribúa a mellorar a vida das persoas. En Pontevedra demostramos que, como dicía Castelao, se temos fe no noso pobo, máis tarde que cedo o pobo terá fe en nós. Demostrámolo en Pontevedra e demostrarémolo na Galiza”, dixo Miguel Fernández Lores.

Falou tamén do réxime corrupto do 78 e da alarmante situación internacional, salientando especialmente o xenocidio e a limpeza étnica que Israel está cometendo en Palestina, e a falta de respostas contundentes tanto do estado español coma da Unión europea.

“Se ser antiimperialista, se apoiar a nosa lingua,se  defender o noso país e o seu potencial, se apoiar a Palestina ou se defender a sanidade e a educación pública é ser antisistema, entón o BNG é claramente antisistema, e a moita honra !”, declarou o alcalde de Pontevedra.

Lores animou á militancia a explicarlle á xente que o nacionalismo é unha das vías para medrar como país. “Moita xente é nacionalista e non o sabe. Temos que lograr trasmitir esa mensaxe”. Rematou a súa intervención facendo un chamado a participar activamente na manifestación do Día da Patria en Compostela, porque hoxe é máis necesario ca nunca espallar aos catro ventos ese lema do nacionalismo galego tan de actualidade hoxe, e tan necesario: “Gobernemos nós a nosa terra”.

O BNG apela ao compromiso colectivo para construir entre todos e todas unha Galiza libre, solidaria e pacifista