Os campionatos e citas deportivas consolidan a Pontevedra como un destino amable, sostible e inclusivo durante todo o ano
Pontevedra, 21 de xullo de 2025. Os eventos deportivos calan como sinal de identidade de Pontevedra, unha circunstancia que a empresa municipal Turismo de Pontevedra e o Concello de Pontevedra sitúa como un dos eixes que alicerzan a promoción da cidade como destino amable e sostible, saudable e inclusivo, en calquera momento do ano. Distincións como a placa Olímpica do COE ou feitos como pertencer á Rede española de cidades saudables (RECs) desde o ano 2004 amosan a aposta por estes valores.
Cando remate o 2025 teranse celebrado 92 eventos deportivos extraordinarios - promovidos ou apoiados polo Concello de Pontevedra-, dunha vintena de disciplinas: natación, natación artística, atletismo, piragüismo, escalada, karate, ximnasia, voleibol, deporte adaptado, etc. O pasado ano foron máis de cen. Sen dúbida, entre estas citas destacará, cando sexa tempo de balance, o campionato World Triathlon Multisport que reuniu na Boa Vila a máis de 4.000 deportistas e miles de acompañantes.
Porén a conselleira delegada da empresa Turismo de Pontevedra e tamén concelleira de Deportes. Anabel Gulías, pon o foco nas decenas de campionatos galegos e estatais, das categorías alevín, infantil, cadete e xuvenil para falar tamén de turismo. Son eventos como, por exemplo, o Campionato galego de Natación alevín, o Campionato galego de seleccións comarcais de Fútbol Sub-11 e Sub-13, o Campionato galego de Voleibol infantil e xuvenil, a Copa galega de Piragüismo cadete, o Campionato de España de Orientación de centros escolares ou a Liga nacional de Karate cadete.
Perfil familiar e desestacionalización
Todos eles son eventos, sostén a Gulías, “que propician o achegamento á cidade dun público familiar, un perfil de visitante tranquilo e pre-disposto a aproveitar o campionato para coñecer e gozar da cidade e contorna e que paseniño contribúe a consolidar á cidade como un destino amable, sostible e inclusivo”.
Malia que o perfil dos participantes e acompañantes nas distintas citas deportivas é un valor “turístico” moi saliantable, Anabel Gulías tamén pon o foco noutro aspecto non menor: a papel que xogan os eventos deportivos na desestacionalización do turismo. “Desenvólvense ao longo do ano, espallando a chegada de visitantes no tempo e contribuíndo a xerar actividade económica máis alá da tradicional tempada turística”, destaca.
Tamén os deportistas adultos e seniors que participan nas distintas citas galegas, nacionais e internacionais, e acompañantes teñen un “perfil atractivo”, pois como apunta a concelleira-delegada de Turismo de Pontevedra “son xente que planifica as súas vacacións en función do evento, e que aproveitan os días tamén para coñecer e gozar de Pontevedra ou percorrer a provincia, ademais de converterse, en moitos casos, en embaixadores da cidade.