O Coche de Punto de Pontevedra estabiliza e normaliza o seu uso entre 165 e 170 viaxes mensuais

César Mosquera
César Mosquera
O Coche de Punto de Pontevedra estabiliza e normaliza o seu uso entre 165 e 170 viaxes mensuais

Pontevedra, 23 de xullo de 2025. O edil de Mobilidade, César Mosquera, deu conta do correcto funcionamento do Coche de Punto, un servizo pioneiro dentro das cidades galegas. 

Así, o edil repasou polo miúdo as cifras de viaxes —non de usuarios ou usuarias— que se realizaron ao longo dos últimos meses, desde a súa posta en marcha en outubro do ano pasado: outubro (152), novembro (209), decembro (177), xaneiro (160), febreiro (181), marzo (169), abril (137), maio (175) e xuño (170). 

“Agás un par de meses, a cifra semella bastante estabilizada entre as 165 e 170 viaxes mensuais”, explicou. “En canto ao custe que supón todo isto para o concello, quedaría, como exemplo, no mes de Xuño, 1.506,96 euros. A este ritmo, ao final de ano, a subvención destinada a este servizo será duns 20.000 euros”. 

Mosquera lembrou que non existía ningún obxectivo concreto no referido a cifras, senón que a idea era poder ofrecer un servizo que cubrise unha necesidade concreta, como é a de facilitar a conexión entre as parroquias e a cidade, cando non se dispón doutro tipo de medio de transporte, sexa familiar, social ou público, atendendo necesidades puntuais. “Pagou a pena todo o esforzo para botar a andar este servizo, ao tempo que se manteñen as redes sociais e familiares á hora de axudar a un veciño ou veciña a achegarse até o centro”, indicou. 

O Coche de Punto de Pontevedra estabiliza e normaliza o seu uso entre 165 e 170 viaxes mensuais