25 DE XULLO. 20.30 H.
“O mellor escenario do mundo” acolle en Barro o concerto de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre
Barro, 23 de xullo de 2025. O parque da natureza de Barosa converterase este 25 de xullo, Día da patria Galega, ás 20:30 horas nun espazo único para a música galega, coa celebración dun concerto moi especial de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre. A actuación, con entrada libre, terá lugar ao pé das fervenzas, nun dos recunchos máis fermosos do concello e da comarca.
O evento foi presentado polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e polo concelleiro de Cultura, Adrián Silva Magdalena, quen indicou que este concerto “é unha aposta pola cultura de calidade, polo talento galego e pola conxunción da nosa cultura e do noso patrimonio”.
O alcalde salientou o simbolismo de celebrar un concerto como este en Barosa: “Estamos falando dun espazo que foi berce de tradición oral, de contos, cantares e traballos comunitarios arredor dos muíños. Traer aquí un espectáculo como o de Xabier Díaz, que bebe directamente desa tradición e a renova con forza e beleza, é unha maneira de conectar o pasado co presente e seguir facendo medrar a nosa identidade colectiva”.
Xabier Díaz é un dos artistas máis recoñecidos da música tradicional galega contemporánea. No ano 2015 emprendeu un proxecto propio acompañado polas potentes voces e percusións das Adufeiras de Salitre, un colectivo de mulleres que fan do ritmo e da raíz unha celebración colectiva.
Xuntos deron vida a álbums tan recoñecidos como The Tambourine Man, Noró ou As catedrais silenciadas, e levan anos enchendo teatros e prazas de dentro e fóra de Galicia. O seu directo é unha festa de emoción, forza e identidade.
Desde o Concello de Barro convidan a toda a veciñanza e visitantes a gozar desta experiencia única, onde a música, a natureza e a cultura se dan a man. “Temos o mellor escenario do mundo, e queremos compartilo co mundo enteiro”, sinalou o alcalde.