CONCELLO E COMUNIDADE DE MONTES CREAN UN PARQUE FORESTAL

Barro pon en valor o monte dos Casás

20201217 IMG_20201213_202629
Barro pon en valor o monte dos Casás

Barro, 17 de decembro de 2020. O Alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o presidente dos comuneiros de Agudelo, Fernando Chao, acompañados doutros membros do Goberno municipal e da Comunidade de montes comprobaron o avanzado estado das obras para crear un parque forestal no monte dos Casás.

Este é un proxecto do Concello de Barro e a Comunidade de montes de Agudelo, no que están colaborando para poñer en valor esa contorna tan importante do concello a nivel paisaxístico, ambiental, patrimonial e cultural.

Esta intervención ten un orzamento de 40.982 euros e para o seu financiamento o concello conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra por importe de 28.687,40 euros, con cargo á convocatoria de subvencións a concellos para a creación de parques forestais, e pola comunidade de montes que aporta 12.294,62 euros. 

A actuación ten como obxectivo preservar, mellorar e destacar os valores naturais e culturais do monte dos Casás

A actuación ten como obxectivo preservar, mellorar e destacar os valores naturais e culturais deste enclave, que ademais de ser un excelente miradoiro e onde se encontran os máis importantes xacementos arqueolóxicos de Barro, búscase mellorar as formacións arbóreas xa existentes e a plantación doutras novas, para substituír eucaliptos e outras especies invasoras por carballeiras e soutos.

O Concello conta con outro proxecto complementario para comezar a pór en valor no vindeiro ano os importantes restos arqueolóxicos existentes neste enclave.

Barro pon en valor o monte dos Casás