O BNG non apoiará uns orzamentos malos para o futuro de Moraña
Moraña, 15 de decembro de 2020. O BNG lamenta o atraso e a volta atrás para Moraña que van significar os novos orzamentos municipais para o ano 2021 e que presentou estes días o goberno do Partido Popular. Para Marcos Suárez estes orzamentos son “absolutamente anacrónicos e descontextualizados das necesidades actuais das veciñas e veciños de Moraña, máis neste tempo de pandemia e crise económica derivada que nos tocou vivir”. Suárez lamenta así mesmo que os “orzamentos sexan un rápido copia e pega de outros anos, como se estiveramos aínda no ano 2017, e que unha vez máis estes non sexan uns orzamentos sociais, expansivos e caian de novo no grande erro de non reflectir o contexto económico e social no que estamos a vivir nestes momentos”
O voceiro do grupo nacionalista tamén censura o feito de que “un ano máis os orzamentos que presenta o PP para Moraña sexan de contención do gasto e austeros mentras seguen mantendo as partidas para dietas de cargos do goberno e as partidas para publicidade do goberno, gastos que para o BNG son absolutamente innecesarios dado que xa o goberno conta cunha dedicación exclusiva. Adicación ademais, que é a máis alta en proporción dos concellos da contorna”.
Para o BNG, indica Suárez, “o proxecto orzamentario 2021 é o fiel reflexo de fracaso proxecto político do PP, que non foi quen de avanzar en temas fundamentais para Moraña como a política ambiental e de xestión de residuos e a políticas de infraestruturas básicas, xa que seguimos impoñendo o modelo Sogama, a onde temos que dirixir 90.000 € por non ter traballado noutras alternativas viables para a xestión de residuos”. Así mesmo o voceiro nacionalista lembra que a proposta orzamentaria "tampouco conta con partidas específicas para problemas tan básicos como a ausencia de saneamento en multitude de lugares e vivendas aínda en pleno ano 2020 no concello de Moraña".
Por último, a organización nacionalista bota en falta nestas contas as propostas que leva demandando durante anos como a creación dun punto limpo, a suba da partida orzamentaria para asociacións e colectivos culturais e deportivos, a mellora de equipamentos para o estudo e preparación de probas ou a flagrante ausencia de inversións reais de futuro no noso concello. Por todos estes motivos o sentido do voto dos tres concelleiros do grupo municipal nacionalista será de rexeitar esta proposta de orzamentos no pleno que terá lugar na noite deste martes.