Barro converterase na capital do ciclismo de montaña na súa "II BTT Camiños de Barro"
Barro, 9 de decembro de 2024. O concello de Barro acollerá o vindeiro domingo a 450 amantes do ciclismo de montaña na II BTT Camiños de Barro, unha edición cuxa acollida está a ser moi boa e que bateu o récord de participantes. Esta actividade é organizada polo concello de Barro coa colaboración do Club Ciclista Ribadumia.
O alcalde de Barro, Fernández Abraldes, quixo facer na presentación da II BTT de Barro un “especial agradecemento a todas as persoas que traballaron arreo na preparación desta nova edición da BTT Camiños de Barro”, e que co seu traballo Barro pode contar cun evento deportivo “que se consolida e que converte o noso concello por un día na capital do ciclismo galego de montaña”.
Un percorrido de 50 km de longo que atravesará os montes das parroquias da Portela, Perdecanai e de Barro, e que está especialmente deseñado para sorprender e coñecer os recunchos patrimoniais e naturais que se agochan en Barro.
Os 50 km da proba, a pesar de non ser competitiva, estarán cronometrados para que as persoas participantes poidan coñecer os seus tempos, mais dentro do percorrido si que haberá unha cronoescalada, un treito de menos dun quilómetro que si que será competitivo e que contará cunha cronometraxe específica. Ese treito leva por nome “A subida das ánimas” e agocha sorpresas para os ciclistas, quen terán que apertar para conseguir facerse cos trofeos que se reparten nas catro categorías desa cronoescalada: absoluta feminina, absoluta masculina, ebike feminina e ebike masculina.
Ducias de voluntarios e voluntarias estarán repartidas por todos os cruces e zonas técnicas para vixiar que todo decorra coa máxima seguridade tanto para as persoas participantes como para vehículos e veciñanza en xeral.
Os participantes recibirán un agasallo conmemorativo da proba e terán durante o percorrido un total de tres avituallamentos, dous deles líquidos e un sólido e líquido. Ademais, tamén haberá petiscos para que cando os participantes que crucen a liña de meta vaian repoñendo forzas e poidan gozar dun momento de convivencia.