Os barrios de Pontevedra vivirán o seu propio Tempo de Nadal con campañas e actividades especiais
O Nadal está a ser un elemento omnipresente no día a día da Boa Vila desde o pasado 5 de decembro. Desde a área de Promoción económica, continúase a afondar na súa relación co comercio local e a creación de sinerxías nestas datas tan sinaladas para que a economía local poida aproveitar o tirón das compras do Nadal.
Así, aparece agora ‘Merca no barrio’ un programa municipal en forma de campaña especial que traerá consigo distintas actividades e iniciativas para fomentar as compras nos establecementos locais.
"En Pontevedra cremos que o mellor escaparate son as rúas e as prazas, por iso collemos os itinerarios comerciais máis importantes e os dotamos de actividades. Onde hai xente hai vida, e atopas os comercios que te rodean", sinalou Anabel Gulías. "A partir do 16 de decembro, comezando nas galerías de Frei Xoán de Navarrete, para seguir por todos ou case todos os recunchos da cidade, iremos desenvolvendo distintos obradoiros".
Cómpre lembrar que espazos coma o Mercado de Abastos tamén contarán coa súa propia programación, e que que comezará o día 22 de decembro. Así, e seguindo coa programación especial, é posíbel destacar a que vivirán os barrios de San Antoniño e A Parda.
Na caso da Parda, a Asociación de Profesionais e Pequenos Empresarios preparou un Nadal que promete ser «inesquecíbel grazas á colaboración dos comerciantes locais, o Concello de Pontevedra, a Deputación, o Centro Leste e o Conservatorio Profesional de Música (CMUS) Manuel Quiroga. Non só haberá un concurso de escaparates e sorteos especiais, senón que haberá animación de rúa a cargo de Pablo Méndez Performance e Marexada Mural Land Art, amais dun concerto co alumnado do Conservatorio, un cinema e un obradoiro de creación de adornos con materiais reciclados.
Tamén haberá unha xincana na que os participantes terán unha misión especial: o día 22 de decembro ás 17.00 horas no Centro Leste, o Grinch tentará roubar e esconder todos aqueles elementos que se atopan nos comercios do barrio para evitar que poidan celebrar o Nadal na Parda. A misión está clara: impedir que isto suceda. Así, a cativada terá que buscar as pistas, resolver os enigmas propostos até que o Grinch fracase na súa idea.
Pola súa banda, San Antoniño tamén contará cunha programación con numerosas actividades organizadas e traballadas pola agrupación O Galpón Lab e a produtora Volvemos a primeira, que implican, entre outras cousas, unha campaña en redes sociais cos comercios da zona; ademais de obradoiros para a cativada e a mocidade.