EMOTIVO ACTO DE DESPEDIDA DO QUE É REXEDOR DURANTE CASE TRES DÉCADAS E DE BENVIDA Á CANDIDATA QUE TOMA O RELEVO PARA GANAR A ALCALDÍA EN 2023

Ana Pontón destaca o compromiso con Poio de Luciano Sobral e proclama que Marga Caldas será a próxima alcaldesa para que o concello siga avanzando

Ana Pontón destaca o compromiso con Poio de Luciano Sobral e proclama que Marga Caldas será a próxima alcaldesa para que o concello siga avanzando

Poio, 27 de novembro de 2022. A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Poio na presentación da candidata á Alcaldía, Marga Caldas, nun acto que tamén foi unha emotiva despedida ao que foi rexedor municipal durante case tres décadas, Luciano Sobral, que fixo unha profunda transformación en positivo do concello pontevedrés.

“Unha persoa que foi capaz de tranformar este municipio, compromentida con este concello e con Galiza, un exemplo do bo facer dos gobernos municipais do BNG”, destacou a líder nacionalista do aínda alcalde, antes de dar o relevo “á que será a próxima alcaldesa de Poio”, proclamou en refererencia á candidata. “Unha muller con experiencia e capacidade, que aporta novas ilusións e ganas renovadas, que coñece moi ben a xestión do día a día do municipio, cun proxecto para seguir mundando Poio en positivo”, explicou Pontón, en referencia a Marga Caldas.

Ese é o obxectivo do Bloque de cara á cita coas urnas nas eleccións locais de 2023, “unha cita moi importante, na que o BNG será a forza política que máis medre ao longo e ancho do País, porque temos o mellor proxecto para unha Galiza con futuro que queremos construír, concello a concello”, explicou a líder nacionalista.

2022-11-27 14.21.26
2022-11-27 14.21.26

Pola súa parte, Luciano Sobral trasladou todo o seu apoio a Marga Caldas e confensou que este momento de dar o relevo “é moi emotivo” tras tantos anos en primeira liña: “Temos unha gran candidata e un gran proxecto para Poio, para que o concello siga avanzando e para seguir mellorando a vida dos nosos veciños e veciñas”. Neste sentido, instou a todo o BNG a activarse ao máximo “para que Marga Caldas sexa a próxima alcaldesa, a primera muller alcaldesa da historia deste concello”.

“Para min é un orgullo coller o relevo a Nito”, subliñou a nova candidata, “el representa o proxecto do BNG en Poio, a todas as mullere e homes que loitamos por sacar adiante este concello, por transformalo para mellor, e hoxe desde esa base sólida que deixan os anos de goberno liderados polo noso compañeiro imos seguir traballando, porque demostramos que sabemos facer ben as cousas como se aprecia no profundo cambio que a acción de goberno do Bloque logrou neste municipio”, explicou Caldas, “imos dar un novo impulso porque sabemos o que este concello precisa e imos seguir dando o mellor de nós mesmas para que Poio continúe avanzando cara un futuro mellor”.

2022-11-27 14.30.32
2022-11-27 14.30.32

Ana Pontón reclama ao Goberno do PP que desista do disparate de impoñer PACs sen persoal médico para atender as urxencias

Pontón destacou que a cidananía deu ao Bloque a responsabilidade de ser a forza que debe liderar a alternativa a un Partido Popular “empeñado en seguir atacando aos servizos públicos, empeñando en demoler a sanidade pública colocando contra as cordas atención primaria, sen ter en conta que atacar á sanidade pública é atacar á saúde dos e das galegas”. Basta xa de “ocorrencias”, dixo, como que o persoal de enfermería asuma as funcións do persoal médico.

Por iso, demanda ao Goberno do PP que retire a disparatada ocorrencia de deixar os PACs sen persoal médico e, nese sentido, o BNG leva ao pleno desta semana unha moción en contra desa pretensión do Partido Popular.

“Temos listas de espera na asistencia hospitalaria, listas de agarda en atención primaria para acudir aos centro de saúde e agora temos a última barbaridade do Goberno do PP que é PACs sen persoal médico para atender ás urxencias, a última barbaridade do Partido Popular que non podemos permitir”, denuncia a líder do BNG.

Pontón pide ao Goberno de Rueda a “retirada inmediata” desa proposta e que se dote a todos os PACs do persoal facultativo necesario e, neste sentido, o Bloque defenderá no pleno desta semana unha moción con esa proposta. Precisamente a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés tense convertido na zona cero dos recortes en atención primaria do Executivo do PP, e mesmo no propio concello de Poio este verán xa houbo consultorios sen médico ou médica, argumentou.

“Pero é un problema que se reproduce ao longo de toda Galiza, de feito vimos a sucesión de mobilizacións dos últimos días nas que a cidadanía expresa o seu fartazgo ante os recortes do PP e o deteiro que iso provoca na sanidade pública, reclamando que se deixe de xogar coa saúde dos galegos e das galegas, unha cidadanía farta tamén das mentiras do Partido Popular”, denuncia Pontón.

A formación nacionalista reclama ao PP que deixe de lado a mentira e a propaganda, “e que se poña a traballar para mellorar o sistema público de saúde”. En concreto, a moción que o Bloque leva ao vindeiro pleno, reclama ao Goberno que garanta que os PACs contarán co persoal médico necesario que está pactado, como un docente, un auxiliar de enfermería e os recursos profesionais que se precisan para que estes centros que atenden urxencias cumpran a súa función.

Igualmente, o Bloque demanda da Consellería de Sanidade que poña en marcha unha estrateixa concreta para toda a zona da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, zona cero dos recorte en atención primaria, para que dispoña dos recursos necesarios para solucionar os problemas actuais, “que cada vez van a máis”.

Ana Pontón destaca o compromiso con Poio de Luciano Sobral e proclama que Marga Caldas será a próxima alcaldesa para que o concello siga avanzando