O BNG denuncia que a consellaría de Cultura permitiu a destrución parcial dun BIC en Valga
Valga, 17 de novembro de 2022. O BNG rexistrou unha batería de iniciativas parlamentares, en forma de proposición non de lei e preguntas ao goberno, para pedir explicacións e responsabilidades por uns feitos que o deputado nacionalista Luís Bará calificou como moi graves. Segundo o deputado do BNG, a incoación en febreiro de 2020 do expediente de declaración BIC do funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra en Valga (Pontevedra) obrigaba á Xunta á súa protección e salvagarda mais a dirección xeral de Patrimonio Cultural permitiu a destrución dunha parte das estrutura do antigo peirao e a aletración completa da zona.
Segundo Luís Bará “resulta evidente, tal como se pode comprobar nas fotografías do antes e despois, que as estruturas do embarcadoiro non foron protexidas, que a súa fisonomía e elementos foron completamente alterados e que a actual configuración do espazo non permite a interpretación do seu sistema de funcionamento xa que foi absolutamente transformado nun embarcadoiro para embarcacións turísticas.
Estamos pois diante dun gravísimo atentado contra o patrimonio, do que se deberán dar as pertinentes explicacións e derivar as correspondentes responsabilidades”.
Por este motivo, o deputado nacionalista rexistrou unha proposición non de lei na que solicita o seguinte
- Levar a cabo unha investigación interna sobre a tramitación do proxecto de embarcadoiro no río Ulla en Valga e sobre a posíbel omisión do deber de protección e salvagarda do funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra en Valga (Pontevedra), logo da incoación do procedemento de declaración como Ben de Interese Cultural en febreiro de 2020.
- Abrir un expediente informativo e no seu caso sancionador, en aplicación do previsto na lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia, pola destrución de parte dun ben que contaba cun réxime de protección e salvagarda.
O BNG tamén rexistrou unha batería de preguntas ao goberno, nos seguinte termos:
- Informou favorabelmente a dirección xeral de Patrimonio Cultural o proxecto do embarcadoiro no río Ulla promovido por Portos de Galicia, logo da incoación do expediente de declaración como Ben de Interese Cultural do funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra en Valga?
- Por que razón a dirección xeral de Patrimonio Cultural permitiu a destrución dun elemento senlleiro do BIC como o antigo embarcadoiro de carga e descarga de materiais, elemento integrante da estrutura do funicular?
- Que servizo realizou os informes sobre o proxecto e que criterios se seguiron para xustificar a desaparición da citada estrutura e a agresión ao BIC?
- Ten previsto a consellaría de Cultural levar a cabo unha investigación interna sobre a tramitación do proxecto de embarcadoiro no río Ulla en Valga e sobre a posíbel omisión do deber de protección e salvagarda do funicular de transporte aéreo de materiais Novo y Sierra en Valga (Pontevedra), logo da incoación do procedemento de declaración como Ben de Interese Cultural en febreiro de 2020?
- Ten previsto a consellaría de Cultura abrir un expediente informativo e no seu caso sancionador, en aplicación do previsto na lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia, pola destrución de parte dun ben que contaba cun réxime de protección e salvagarda?