O alcalde sitúa a entrada en vigor da nova ordenanza de xestión de residuos como outro paso adiante no coidado do planeta
Pontevedra, 30 de xaneiro de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, salientou a entrada en funcionamento da nova ordenanza de xestión de residuos de Pontevedra, que fixa as obrigas e dereitos de todos os usuarios e usuarias, así como da empresa concesionaria do servizo de recollida e tratamento.
“Este ano 2025 vai ser un ano no que o xeito de entender os residuos cambie de xeito substancial”, indicou Fernández Lores. “Queremos mellorar a recuperación e o aproveitamento dos residuos. É imprescindíbel separar en orixe, pois é así o xeito de obter recursos. O Concello de Pontevedra tomou unha serie de decisións que van nesta liña ao longo dos últimos meses”.
A batería de decisións que sinalou o rexedor está conformada polas seguintes: a nova ordenanza de xestión (xa en vigor), o contrato de información bidireccional (en licitación), o novo contrato de xestión, recollida e tratamento de residuos (que conta cunha oferta para a súa adxudicación), a redacción dunha nova ordenanza económica e a posta en marcha dunha campaña de concienciación e información a todos os usuarios e usuarias do servizo.
“Queremos dar un gran salto neste ámbito. Non coñecemos ningunha cidade que avanzase tanto conforme marca a lei e co obxectivo claro que é o de coidar este planeta. Non hai plan B. Temos o que temos e debemos coidalo e aseguralo. Fago un chamamento a todos os axentes implicados na separación e recuperación dos residuos. Non é unha cuestión municipal, é algo que nos interesa a todos e todas: coidar do noso futuro”, finalizou.