O Concello de Caldas urxe á Xunta o cambio da instalación eléctrica e a ampliación do comedor do CPI Alfonso VII tras sufrir un incendio cando había escolares no interior
Caldas de Reis, 30 de xaneiro de 2025. O Concello de Caldas de Reis vén de urxir á Xunta de Galiza o cambio da instalación eléctrica e a ampliación e reforma do comedor do CPI Alfonso VII. Así o fixo o Tenente de Alcalde Manuel Fariña despois de sufrir un incendio na zona de comidas do centro de ensino, situada na antiga casa do conserxe, cando había escolares no seu interior. O lume foi extinguido rapidamente grazas á actuación das traballadoras do servizo sen que se producisen danos persoais nin evacuación algunha, pero a caixa de conexións, enchufes e cabos quedaron totalmente queimados. “O perigo está aí e hai que poñerlle solución de maneira inmediata. Non se poden correr riscos coa seguridade do alumnado”, apremou o nacionalista.
O Concelleiro Manuel Fariña explica que a situación do comedor do Alfonso VII é deficiente dende hai anos tanto por falta de espazo como polo mal estado do edificio -a antiga vivenda do conserxe-, que se acondicionou minimamente para dispoñer do servizo. Subliña que a instalación eléctrica existente está formada por liñas e cabos de iluminación de hai 50 anos que dan soporte a toda a maquinaria da cociña (mesas quentes, lavalouzas, microondas, fornos...) sen estar realmente dimensionada para esa potencia.
“Aumentaron moitísimo a maquinaria eléctrica da vivenda sen cambiar a instalación eléctrica, que era para prender catro luces, producindo constantes sobrecargas. Como non se fixo inicialmente esa mellora e a Xunta leva anos dando a calada por resposta evitando ampliar e reformar o comedor, incumprindo o seu propio compromiso, onte pasou o que se vía vir: unha sobrecarga eléctrica que prendeu lume”, apunta Fariña.
Cando se produciu o incidente á hora da comida, explica o edil, acudiu rapidamente ao lugar o persoal técnico das brigadas municipais para reparar o básico da instalación e permitir acabar a quenda de comedor nunha situación de mínimos –apenas poder acender as luces-. Durante a tarde, sostén o concelleiro, “eu mesmo toquei o diferencial, que non foi onde ardeu, e aínda tiña unha temperatura fóra do normal”. Advirte que o estado da instalación eléctrica segue a ser “moi perigoso”.
Destaca o responsable do Bloque que o Concello de Caldas ten a obriga do mantemento das instalacións, mais as obras de reforma necesarias “para solucionar a desfeita, de grande calado”, son competencia da Xunta de Galiza. Subliña Fariña que o goberno local leva moitos cursos detrás da Consellería reclamando a mellora sen que o goberno galego preste atención.
Ante o último incidente, o nacionalista púxose en contacto coa Xefatura Territorial de Educación non podendo falar directamente con César Pérez Ares. Deixou advertencia ao responsable autonómico do acontecido para que dera orde de atender a urxencia, pero en toda a mañá non houbo noticias da Consellaría.
Fariña recoñece que, aínda que é preciso artellar unha solución “mínima pero con todas as garantía de seguridade” a curto prazo que permita manter o servizo de comedor para as familias, a Xunta debe presentar xa un proxecto completo de reforma e ampliación do espazo coa súa consecuente instalación eléctrica adaptada á alta potencia que precisa a maquinaria da cociña. “Estamos a falar dunha cuestión de seguridade. Nin se poden poñer parches nin se pode mirar cara a outro lado. Hai que acometer unha actuación seria xa. Agardamos altura de miras para unha cuestión tan importante”, dixo.
Fariña lembra que xa en 2023 o Concello de Caldas remitiu á Consellería de Educación un informe municipal sobre a viabilidade da ampliación do comedor no terreo dispoñible anexo á escola. Nese documento, asinado polo aparellador municipal, explícase que a parcela na que se prevía facer a ampliación era viable, posto que aínda dispoñía dun 25% máis ocupación da actual. Dende o goberno local, así mesmo, instárase ao goberno galego a presentar o proxecto para realizar a obra, subliñando que o Concello non poría ningún tipo de problema ou condicionante á actuación, senón que unha vez recibise a solicitude de licencia daría todas as facilidades e daríalle prioridade. “Pola nosa parte, todas as facilidades”, conclúe o nacionalista.