ABRALDES DENUNCIA QUE A XUNTA FAI DEIXADEZ DE FUNCIÓNS
Barro saca a concurso o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar por máis de 2.300.000 euros
A licitación do contrato terá un prezo de saída de 22,80 euros a hora, fronte aos 16 euros hora que se viña pagando até o momento, o que implica unha suba moi importante e que obrigou ao concello a detraer fondos doutras partidas para dedicarlle a esta cuestión.
O orzamento base desta licitación é de 2.387.000 euros e terá unha duración de tres anos máis un opcional de prórroga, e a nova adxudicataria terá a obriga de subrogar todo o persoal que está traballando actualmente neste servizo.
Abraldes: “O goberno galego abandona os concellos ao non lles aportar a totalidade do financiamento para cubrir os custes dun servizo que é competencia exclusiva da Xunta"
Os criterios que empregará o concello para a adxudicación son varios, pois puntuarase a baixa económica ofertada polas empresas licitadoras, así como a inclusión dos servizos de podoloxía, fisioterapia e acompañamento.
O alcalde, Fernández Abraldes, recalcou que este servizo “é esencial e que o concello fará sempre todo o que estea na súa man para que as persoas que máis o precisan non queden desatendidas”, mais foi moi crítico coa Xunta e recalcou que “este é un servizo que non é competencia municipal, senón que é competencia directa da Xunta, como así o determina a Lei de Dependencia”.
Para Abraldes, con esta cuestión “A Xunta abandona os concellos ao non lles aportar a totalidade do financiamento para cubrir os custes dun servizo que é competencia da Xunta e no que os concellos deberían ser unicamente intermediarios e colaboradores, pero que se ven obrigados a dedicar unha parte importante dos seus recursos a un servizo que non lles corresponde”.