O alcalde de Pontevedra denuncia que o investimento da Deputación na cidade está "en mínimos históricos"
Pontevedra, 18 de setembro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo volver manifestar a súa desconformidade co trato económico que a Deputación de Pontevedra está a dispensar ao Concello.
Se ben recoñece que existe unha “boa relación administrativa” e colaboración en cuestións como a tramitación de licenzas ou a cesión de espazos públicos, Lores subliñou que as transferencias da entidade provincial para actuacións na cidade “están en mínimos”.
O alcalde contrapuxo a situación actual coa implicación económica de gobernos provinciais anteriores. “Teño que dicir sinceramente que a Deputación tratou mellor a Pontevedra nos anos do bipartito ou tamén nas épocas de Louzán e Abeledo”, indicou. Para apoiar esta declaración, lembrou investimentos de gran calado realizados en mandatos pasados, como o estadio de Pasarón, a ponte das Palabras ou a rolda leste na época de Louzán; diversas obras na Seca, Santa Margarida e o inicio de Pasarón durante o mandato de Abeledo; ou a finalización da rolda leste e a variante de Montecelo co goberno bipartito.
Lores puxo o foco sobre a recente modificación de crédito aprobada pola Deputación, que mobilizou 43 millóns de euros para infraestruturas deportivas e para un plan extraordinario destinado a concellos de menos de 50.000 habitantes. “E para o concello de Pontevedra cero. Absolutamente cero”, sentenciou.
O alcalde sinalou que esta falta de investimento afecta mesmo a compromisos adquiridos, como os 300.000 euros para os premios Feroz, que non foron incluídos nesa modificación de crédito. Ademais, manifestou que agarda que a Deputación “teña a consideración de cumprir o compromiso verbal que teñen”.
Actualmente, a relación económica entre ambas as institucións canalízase a través dun convenio anual de 2,5 millóns de euros, vixente desde 2016, que este ano se destinará a proxectos de iluminación e melloras nos campos de fútbol de Salcedo e Manolo Barreiro, entre outras actuacións.