Boa acollida ao proxecto de reurbanización da rúa Casimiro Gómez
Pontevedra, 18 de setembro de 2025. O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda considera moi frutífera e produtiva a reunión que onte pola tarde mantivo coa veciñanza da rúa Casimiro Gómez para presentarlles o borrador do proxecto de reforma da rúa.
Moreda explicoulles que o proxecto ten un orzamento aproximado de 1.100.000 euros para reformar integralmente a rúa. A intervención máis urxente é a renovación de todos os servizos soterrados da rúa, especialmente da rede de abastecemento de auga potábel, xa que son frecuentes roturas das tubaxes de fibrocemento.
Esta obra, que estaría financiada con cargo ao canon da auga que a empresa Viaqua ten que abonar ao Concello, tamén inclúe a ampliación dos espazos para os peóns e a eliminación de barreiras arquitectónicas da rúa. Ademais, tamén se completa a instalación de nova iluminación, mobiliario urbano e a plantación de especies arbóreas idóneas para o espazo urbano para humanizar e refrescar a rúa no verán.
Informou que a reforma suporá a redución dalgunha praza de estacionamento en favor dos espazos para os peóns, e confirmou que está previsto que a circulación se manteña como na actualidade.
O concelleiro tamén recolleu suxestións dos veciños ao respecto do proxecto que pasará aos técnicos redactores para que as estuden e inclúan, de ser posible.