O Concello finaliza a reforma integral da rúa San Cristovo, en Estribela, cun investimento de 200.000 euros

San Cristovo-Estribela
San Cristovo-Estribela
O Concello finaliza a reforma integral da rúa San Cristovo, en Estribela, cun investimento de 200.000 euros

Pontevedra, 18 de setembro de 2025. O alcalde de Pontevedra visitou as obras da rúa San Cristovo, en Estribela, para comprobar o resultado dos traballos de mellora, que están a piques de rematar. O rexedor cualificou esta actuación como “moi necesaria”, destacando que a intervención supón “un antes e un despois” para esta vía. 

O proxecto contou cun investimento de 200.000 euros e centrouse na renovación completa de todos os servizos. As obras incluíron a substitución das redes de abastecemento e saneamento, que se atopaban deterioradas, e o soterramento de todas as liñas de teléfono e electricidade. Así mesmo, mellorouse a capacidade do sistema de recollida de augas pluviais. 

A reforma integral desta rúa, que ten unha lonxitude de 115 metros e non ten saída, foi executada pola empresa COVSA nun prazo récord inferior aos catro meses estipulados no contrato de adxudicación. Segundo declarou o alcalde tras falar cos residentes da zona, a veciñanza está “encantada” tanto pola rapidez na execución como polo comportamento da empresa concesionaria durante os traballos. 

Unha vez se completen os últimos remates, o Concello procederá á inauguración oficial da rúa. 

O Concello finaliza a reforma integral da rúa San Cristovo, en Estribela, cun investimento de 200.000 euros