CÓNTASE ABRIR AS SÚAS PORTAS PARA O SAN ROQUE

O alcalde de Pontevedra comproba o avance das obras do novo centro social de Acevedo

Visita ao futuro centrol social de Acevedo
Visita ao futuro centrol social de Acevedo
O alcalde de Pontevedra comproba o avance das obras do novo centro social de Acevedo

Pontevedra, 27 de marzo de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou esta mañá unha visita ás obras do novo local social de Acevedo, na parroquia de Ponte Sampaio, acompañado polos concelleiros María José Abilleira e Raimundo González, ademais de técnicos municipais e responsables da empresa construtora, Ramírez.

Segundo avanzou o rexedor, a previsión da obra é que o espazo poida estar rematado e listo para a súa inauguración a mediados de agosto, coincidindo coas festas de San Roque. A execución deste proxecto conta cun orzamento de 543.033,87 euros.

Esta nova infraestrutura vén a substituír un antigo "galpón" que resultaba pouco operativo. O novo edificio contará cunha planta de 170 metros cadrados e unha terraza superior. No seu interior, o local albergará unha oficina, baños, unha cociña e un salón amplo con capacidade para acoller a unhas 50 ou 60 persoas.

Unha das características máis salientables do deseño é a súa flexibilidade, xa que a fachada frontal do edificio poderase abrir cara ao campo da festa —que tamén se amplía e se pon a nivel—, permitindo expandir o espazo de uso durante os días de bo tempo. A actuación completarase coa adecuación dos accesos á capela situada na parte posterior e onde están distintos esquipamentos de lecer como un campo de bolos celtas e unha pista de petanca.

O alcalde subliñou que este local cubrirá as necesidades das preto de 200 persoas que habitan as 75 casas do núcleo de Acevedo. A finalidade é ofrecerlle á veciñanza un espazo de convivencia, de encontro, para as celebracións e a formación, como os cursos de cociña ou de memoria.

Con esta obra, o Goberno local continúa a desenvolver novos núcleos de centralidade con altos estándares de calidade nas parroquias. Ademais, a actuación de Acevedo vén a completar a rede de locais sociais recuperados e postos a disposición da veciñanza na parroquia de Ponte Sampaio, sumándose aos espazos xa existentes en núcleos como O Rañadoiro, O Vilar e no propio Ponte Sampaio.

O alcalde de Pontevedra comproba o avance das obras do novo centro social de Acevedo